O pediatra Ricardo Santolaya e o centenario hotel Terraza, premiados coas Cebolas de Ouro
Por Redacción
Sanxenxo ultima os detalles para a celebración da XXIII Feira da Cebola, un evento que terá lugar o próximo venres 4 de setembro. E como vén sendo habitual, no marco desta festa entregaranse as Cebolas de Ouro, uns premios que recoñecen a traxectoria de persoas ou empresas que se significaron polo seu labor continuado no municipio. Nesta ocasión, será o centenario hotel Terraza e o pediatra Ricardo Santolaya.
Ricardo Santolaya, xubilado o pasado mes de xullo, foi o primeiro pediatra que tivo Sanxenxo. Nacido en Cuenca, chegou ao municipio en 1982 e estableceu a súa consulta nun austero inmoble de Portonovo. Fíxoo porque lle gustaba o ámbito, a paisaxe, o clima e a proximidade cunha cidade que dispoñía dun hospital, aínda que recorda con certa nostalxia que tivo que custearse el mesmo case todo o material.
Con el, chegou a Sanxenxo a posibilidade de que os nenos non tivesen que desprazarse a Pontevedra para recibir as súas vacinas. "Eu traíaas e gardábaas na neveira da miña casa. Puxen os xoves como día de vacinación e ese día levábaas ao centro médico", recorda.
Eran tempos nos que os médicos da Seguridade Social, que non tiña servizo de urxencias nos seus centros, impoñían a obrigatoriedade de estar localizables as 24 horas do día. "E na porta da miña casa había sempre unha nota que informaba de onde estaba ceando ou tomando un café". Sempre localizable e disposto a atender calquera urxencia ou doenzas sen maior gravidade. E a súa humildade para facelo granxeoulle a simpatía dos veciños de Sanxenxo.
Dúas xeracións pasaron pola súa consulta. Conta por miles as atencións realizadas cada ano, cunha media de 33 por día con picos que superaron os 60 nenos atendidos nunha soa xornada. Pero esa intensidade non lle sufocou xamais. "O único que eu fixen foi cumprir co meu traballo e, a verdade, é que me gusta moito exercelo. A outros corresponde xulgar se o fixen ben. Eu séntome satisfeito e enormemente agradecido", afirma.
HOTEL TERRAZA, CEN ANOS DE ACTIVIDADE
Pola súa banda, un século de vida e de traxectoria empresarial converteron ao Hotel La Terraza, inaugurado en xuño de 1915, no outro galardoado coa Cebola de Ouro. O goberno local quere recoñecer así o traballo continuado da familia Alonso, que soubo transmitir a través de varias xeracións o bo facer empresarial coa vocación turística que permitiu a Sanxenxo consolidarse como un destino vacacional incuestionable.
"Se puidemos chegar a cumprir 100 anos é grazas aos fundadores, ás persoas que construíron as edificacións, aos que nos axudan a levar os negocios, aos veciños que compraban na tenda, asistían ás sesións cinematográficas, ao bar, aos bañistas, veraneantes, turistas e a Sanxenxo", explica Jaime Martínez, xerente do establecemento hoteleiro ata hai dous anos.
Francisco Alonso Prieto, nacido en Oteruelo-Astorga e Filomena Romay Padín, natural de Lores, Meaño, foron os fundadores do primeiro edificio, cunha tenda de coloniais na que se vendía un pouco de todo e uns cuartos destinados a viaxantes e bañistas. Non existía naquel entón estrada para ir a Portonovo (rematouse en 1937), simplemente un camiño que transcorría ao longo da praia.
Nos anos 20 decidiron engadir outra edificación de dúas plantas, destinada a bar e sala de proxeccións cinematográfica, así como uns cuartos na planta superior. A principios da Guerra Civil, concluíu unha planta máis sobre o comedor, destinada a cuartos. A guerra colleu a varias familias veraneando no hotel, dúas delas tiveron que permanecer no establecemento ata que finalizou en 1939.
A finais dos anos 40 engadiuse a última edificación onde se montou un cine e máis cuartos. A principios dos 50 engadiron a actual terraza do bar e trasladaron a gasolineira para a esquina no arranque da rúa de Oriente. Pouco despois se fixo a reforma do comedor -última grande obra-, instalándose os primeiros tubos fluorescentes de Sanxenxo, regalados por unha das familias que pasou a guerra no hotel, un de cuxos membros era representante para España de Westinghouse.