Carmela Silva insiste en impedir ao PP o uso dos xardíns do Castelo de Soutomaior: "Acabáronse os privilexios"
Por Anxo Lourido
Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial, mantén a pesar das críticas dende o Partido Popular a súa intención de impedir que Mariano Rajoy e os altos cargos populares celebren o mitin de inicio do curso político que, tradicionalmente, se desenvolve nos xardíns do Castelo de Soutomaior.
A nova presidenta da institución reitera que se trata dun espazo público para os cidadáns e non para que sexa utilizado para os intereses dunha formación política. Carmela Silva rexeitou os ataques do ex presidente Rafael Louzán sobre a falta de transparencia e de portas abertas da nova presidenta: "Non se pode confundir o concepto portas abertas co concepto de manter os privilexios que ata agora existían para algúns nesta Deputación. Se o PP considera que usar uns xardíns públicos que son de todos os pontevedreses para que dea mitins exclusivamente un partido político durante 9 anos ten algo que ver con concepto de portas abertas é que non entenden nada" e Carmela Silva engadiu:"Iso acabouse. Acabáronse os privilexios na Deputación de Pontevedra. Ata agora o PP gobernando esta Deputación utilizaba o patrimonio público como se fose un coto de caza privado".
A presidenta provincial engadiu que os populares poden solicitar as salas do Castelo de Soutomaior, pero non os xardíns de uso público e sinalou que os populares teñen á súa disposición no edificio da Deputación un espazo como nunca tiveran antes os grupos da oposición: "Ten un espazo cinco veces maior que o que tiña o grupo socialista cando era oposición para facer todas as reunións que considere".
Por outra parte, Carmela Silva evitou referirse á decisión de Rafael Louzán de abandonar o seu asento como deputado provincial. Sinalou que era unha decisión persoal do ex presidente provincial na que non quería entrar "por respecto institucional".
A máxima representante provincial anunciou que o luns manterá unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no Concello para tratar diversos temas como o futuro de Ence, o saneamento do río Gafos ou as instalacións de maquinaria da Deputación situadas nas marismas de Alba.
Relacionadas:
-
O PP escolle Cotobade para iniciar a precampaña, coa presenza de Rajoy e Feijóo
Por Redacción |
-
Rafael Louzán abandona a Deputación tras presentar a súa dimisión como deputado
Por Redacción |
-
Advirten o PP que en 2016 non poderán usar os xardíns do castelo de Soutomaior para o seu acto político
Por Redacción |
-
Rajoy alerta en Soutomaior da "deriva" do PSOE cara a "radicalización" e o "extremismo" de Podemos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |