Os deputados do PP piden a Carmela Silva que "reconsidere" a súa postura sobre ENCE
Por Redacción
Logo do polémico Pleno da Corporación provincial do venres 4 de setembro, os deputados provinciais do PP pídenlle á presidenta da Deputación, Carmela Silva, que reconsidere a súa postura en contra da continuidade de Ence na súa ubicación actual en Lourizán e que reflexione se é a máis axeitada para defender os intereses da provincia á que representa.
O voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes, esixe ao grupo de Goberno da Deputación que retire o acordo sobre Ence aprobado pola Xunta de Goberno e que pense que "algo debe estar facendo mal" cando no primeiro pleno que celebra como presidenta ten unha protesta un millar de persoas por un acordo aprobado en comisión de goberno.
Moldes critica que a primeira intención da presidenta era debater este asunto durante a celebración do Pleno, pero "non se atreveron e aprobárono pola porta de atrás, nunha reunión privada, sen cámaras, sen micros e sen testemuñas".
Ademais, a través dun comunicado, o deputado do PP e concelleiro en Poio cualificou de "patéticas" as declaracións que fixo a presidenta con respecto aos manifestantes. "Se pensa que esa xente estaba manipulada é porque non entendeu nada. Esas persoas estaban preocupadas polo seu posto de traballo e o seu futuro", indicou.
Ao respecto, quixo aclarar que as persoas que protestaban o venres durante o pleno eran "só un 30% dos afectados, unha pequena representación de traballadores e do sentir non só das familias afectadas, senón dos veciños desta comarca".
Entre as súas críticas tamén figura o xeito en que se comportou Carmela Silva durante o Pleno, pois asegura que actuou "con prepotencia", que cortaba micros e que mentía e lle negou a palabra aos asistentes. "Os que presumen de demócratas, os mesmos que din que as portas da Deputación están abertas para todo o mundo, son os mesmos que retiraban pancartas, e pecharon a cal e canto a institución provincial durante o pleno cando os traballadores o único que estaban pedindo era que os escoitaran, de forma moi pacífica e educada, todo o contrario de como actuou a presidenta".
Relacionadas:
-
O PP pedirá no próximo pleno a anulación do acordo sobre Ence e Elnosa aprobado na Deputación
Por Redacción |
-
Axitado pleno na Deputación con traballadores de Ence e os deputados populares abandonando a sesión
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de ENCE poderán intervir no Pleno da Deputación
Por Redacción |
-
Carmela Silva tira de hemeroteca para cargar tintas contra o PP sobre ENCE: "Cambiou radicalmente a súa postura"
Por Natalia Puga |
-
O PP dubida que Carmela Silva actuase igual con ENCE "se se tratase dunha empresa de Vigo"
Por Redacción |