Unha avenida para "unha muller valente, unha nai coraxe"
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
"As cidades constrúense con formigón e asfalto, pero tamén con símbolos", así destacou o concelleiro de Obras e Mobilidade, Luís Bará, ao comezo do acto de inauguración do desdobramento da avenida de Vigo, para o que se elixiu o nome dunha Josefina Arruti Viaño, "unha muller valente, unha nai coraxe".
Josefina Arruti foi a muller do último alcalde da República, Bibiano Fernández Osorio Tafall e durante o exilio do seu marido foi encarcerada e sometida a arresto domiciliario durante tres anos. Josefina Arruti converteuse en Pontevedra en todo un "símbolo de solidariedade" con xestos como o de abrir o panteón familiar "para o enterramento de numerosos represaliados".
Un dos fillos de Josefina, José Ángel Fernández Arruti, expresou en nome da familia a "enorme satisfacción y gran honor" que senten por esta distinción.
"Este acto es un homenaje a todas las mujeres que como Josefina fueron víctimas directas o indirectas de la represión", sinalou Fernández Arruti que no seu discurso quixo facerse eco das palabras que no seu día pronunciou o socialista pontevedrés, Gonzalo Adrio, "Sin odio, sin rencor, pero con la memoria siempre viva".
Este novo viario entre o nó do Pino e a Rúa da Estación foi financiado por Fomento, dentro do convenio de obras asinado en 2009 co Concello. A obra incluíu a urbanización de parte da avenida de Vigo e a prolongación do paseo dos Gafos, entre outras actuacións complementarias.