Doce anos de cadea por agresión sexual a unha veciña cunha discapacidade do 74%
Por Natalia Puga
O veciño de Dozón M.G.C. foi condenado a 12 anos de prisión como autor dun delito de agresión sexual por violar a unha veciña de 23 anos que "padece un atraso mental moderado e ten recoñecida unha minusvalía do 74%".
A sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra tamén condena ao procesado a indemnizar á súa vítima con 12.000 euros polos danos morais ocasionados pola agresión sexual.
Segundo considera probado o tribunal, o condenado presentouse no domicilio da súa veciña aproveitando que seus pais estaban faenando no campo. Tras pechar con chave a porta da casa, levouna á habitación dos seus pais, amordazouna e violouna con penetración, poñendo antes un preservativo.
Os feitos xulgáronse en novembro na Sección Segunda da Audiencia Provincial nun xuízo no que o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, contextualizou os feitos como o "lado máis escuro da nosa sociedade", unha contorna familiar no que hai certo atraso físico, psíquico e cultural, e "a realidade social dunhas persoas desvalidas que son as máis propensas a sufrir este tipo de situacións".
Segundo saíu a relucir na vista oral, logo da agresión a moza chamou á Garda Civil para denunciar os feitos. Un axente devolveu a chamada para confirmalo, pero xa respondeu a nai e desistiu de presentar denuncia alegando que súa filla padecía unha discapacidade.
Días máis tarde, e logo de ir ao médico a comprobar que a moza non estaba embarazada, formularon denuncia contra o seu veciño ao temer que estas visitas "se fosen a converter nun costume". Ante o tribunal explicaron que non era a primeira vez que ocorría isto xa que, un ano antes, a súa filla contoulles que o veciño a violara.