Lores comprende os traballadores de Elnosa pero mantén que a empresa debe abandonar a ría
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, reuniuse cos representantes dos traballadores da empresa química de Elnosa durante este mércores 23 no Concello. A reunión foi, segundo palabras do propio Fernández Lores, tensa pero agradable e respectuosa dentro das distintas posicións que defende o comité de empresa e o equipo de goberno local sobre a continuidade desta empresa na ría de Pontevedra.
Os representantes laborais, acompañados polos secretarios comarcais de CC.OO. e UXT, José Luís García Pedrosa e Ramón Vidal, expuxeron ao rexedor a intención de Elnosa de acometer un cambio tecnolóxico que evite a utilización do mercurio e apuntaron que van defender ata as últimas consecuencias os seus postos de traballo "a pesar de quen lle pese", así o expresou o presidente do comité, Avelino García, durante a rolda de prensa ofrecida tras a reunión acompañados do propio Fernández Lores.
O alcalde indicou, pola súa banda, que este tipo de encontros non son fáciles e engadiu que é pai de familia como eles e que se estivese na súa situación seguramente se atoparía no outro lado da mesa para reivindicar o seu emprego. Con todo, sinalou que o equipo de goberno ten como propósito a recuperación da ría e que entende que o traslado de Elnosa é factible a un polígono industrial.
Precisamente, os traballadores anunciaron que o comité manterá este xoves en Santiago de Compostela unha reunión cos conselleiros de Medio Ambiente e de Industria para explicarlles a súa situación. Avelino García entende que o acordo asinado pola empresa coa Xunta para o traslado da factoría é papel mollado e que agora a dirección de Elnosa aposta pola localización en Lourizán co cambio de tecnoloxía, amparándose na nova Lei de Costas, xa que resultaría imposible o cambio de localización.
Trátase da segunda reunión de Fernández Lores con membros do comité de empresa de Elnosa desde que ocupa a alcaldía. En 2007, no anterior encontro a tensión derivou nun peche dos representantes sindicais no Concello. O alcalde apuntou que estudará se mantén tamén unha entrevista coa dirección da empresa "pola imposibilidade de chegar a acordos".
Os portavoces dos traballadores insistiron en que a empresa non é unha bomba de reloxería e que nunca houbo un problema grave de seguridade na cloreira.