Amplíase o saneamento en Mourente e Bora cun investimento que supera a cifra de 1.270.000 euros
Por Redacción
A reunión dos concelleiros encargados do rural cos veciños de Mourente e Bora no mes de xullo permitiron que se realizaron melloras no proxecto de saneamento na contorna da estrada de Ourense (N-541), segundo informou este xoves 24 o concelleiro coordinador do rural Demetrio Gómez.
Ao longo dos tres últimos meses, os técnicos municipais prepararon o proxecto no que se inclúe a previsión das obras da subministración de auga. Ademais, ofrecerase saneamento a máis de trinta casas da parroquia de Bora que lindan con Mourente e que non se incluíron no proxecto desa parroquia. Trátase de vivendas que se atopan nas proximidades da igrexa de Bora.
Por tanto, os traballos deste novo proxecto aplicarase a máis de 170 vivendas, ao redor de 500 veciños das parroquias de Carabelos, O Pazo, Eirós e Leirados. O investimento para estas peticións veciñais ascende a 282.085 euros que sitúa a suma de todo o proxecto de saneamento en 1.270.068 euros.
O concelleiro Demetrio Gómez indicou que se trata dun investimento moi elevado e que a intención do goberno local é que se poida iniciar o trámite de contratación antes de que finalice este ano. A nova proposta será presentada aos veciños da zona nunha nova asemblea.