O Concello de Pontevedra retransmitirá pola internet os plenos
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra aprobou na súa reunión deste luns un contrato para comprar o equipo necesario que permita retransmitir os plenos pola internet.
Ante a falta dun salón de plenos con capacidade suficiente para acoller público, a corporación pontevedresa celebra as súas sesións plenarias no Teatro Principal. Segundo comentou o portavoz do goberno local, Raimundo González, a súa retransmisión permitirá a todos os que o desexen a posibilidade de ver os plenos en directo a través dunha retransmisión vía streaming á que se poderá acceder desde a súa páxina web.
Este servizo de vídeo está chamado a substituír ás actas de papel que os funcionarios municipais redactan co contido íntegro de cada sesión.
Serán estes funcionarios de actas quen se encargue do manexo do equipo que se adquira.
En concreto a subministración que se pretende contratar inclúe desde un equipo de gravación de vídeo, pasando por cámaras robotizadas con manexo por control remoto, ata micrófonos, todo iso por un importe total de 33.795,06 euros.
"Perruquería, maquillaxe e esculpido de uñas non vai incluído", bromeou Raimundo González na rolda de prensa na que deu conta deste novo servizo dentro do seu "compromiso coa transparencia e a apertura no relativo aos asuntos públicos".