O 'puntazo' de Pontevedra como "escaparate perfecto" para empresas creativas e culturais
Pontevedra é, segundo o goberno municipal, unha cidade "alternativa, dinámica e innovadora" e nela asentáronse diferentes empresas que traballan no ámbito da cultura e da creación. Todas elas, segundo a edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, "retratan a nosa singularidade" e por elo desde o Concello apostan por conectalas e poñelas en valor. É o obxectivo principal co que nace o programa Pontevedra ten un puntazo.
"Estas empresas son moi importantes para nós, non só porque xeran actividade económica e producen emprego, senón porque os resultados da súa actividade deixan unha impronta positiva na cidade", sinalou Anabel Gulías, que presentou este martes este novo programa municipal, acompañado da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e José González, dono dunha tenda de roupa con selo discográfico propio, exemplo deste tipo de empresas.
Para mostrar o potencial emprendedor de Pontevedra no ámbito da creatividade e da cultura, este programa aposta por reunir ás empresas que operen nese campo, crear canles de comunicación directa entre o Concello, as empresas e outras entidades como a universidade, impulsar a colaboración entre estes proxectos empresariais, ou obter indicadores que permitan medir o seu impacto na economía local.
Ademais, Pontevedra ten un puntazo busca axudar a que estas empresas aumenten a súa visibilidade na cidade, polo que as súas primeiras accións serán a creación dun foro -que este mércores terá unha primeira reunión na Casa da Luz-, así como a creación do catálogo de empresas culturais do Concello que, por outra banda, poderán realizar unha serie de presentacións da súa actividade.
A primeira delas será a empresa de José González, dono da tenda Playground Store situada na rúa San Román. Tras doce anos de actividade como comercio de roupa e calzado, recentemente lanzou un selo discográfico que busca editar en vinilo sesións de música electrónica. Son LP's de edición limitada, unhas 300 unidades de cada disco, e vendéronse xa en países como Holanda, Xapón ou Alemaña.
PRESENZA EN CULTURGAL
Ademais, Culturgal reservará un espazo para todas estas iniciativas empresariais. Será na caseta co que conta do Concello de Pontevedra. Todos os proxectos que participen neste programa terán cabida nesta feira, non só de forma estática senón que se habilitará un espazo de traballo para que as empresas locais poidan mostrar durante tres días o seu labor, tanto en directo como de forma expositiva.
O Concello de Pontevedra tamén aposta porque no marco de Culturgal estas empresas protagonicen un "speed-dating cultural", como o cualificou Anxos Riveiro. Trátase de que os emprendedores locais poidan mostrar os seus proxectos a empresas "xa consolidadas".
Relacionadas:
-
RADIO.- PontevedraViva Radio estrea Pontevedra ten un puntazo
Por Marisa Ciordia |
-
Empresas para amosar cultura
Por Mónica Patxot |
-
Na procura de ideas viables entre os universitarios para o edificio municipal de Santa Clara
Por Anxo Lourido |
-
Máis de 125 propostas creativas "presumirán" de Culturgal entre o 4 e o 6 de decembro
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O DJ pontevedrés Malaguita presenta o seu selo musical Certain Music Records
Por Redacción |
-
O Local de Música convértese en axente creativo da man de Pontevedra ten un puntazo
Por Redacción |
-
"O verdadeiro espírito da música house" na Casa da Luz da man de Certain Music
Por Redacción |
-
O Culturgal 2015 xa está completo a dous meses da celebración da feira
Por Redacción |