Pasa toda a noite colgado boca abaixo pedindo socorro
Por Natalia Puga
Un veciño de Caldas de Reis pasouse toda a noite colgado boca abaixo dende o primeiro piso da súa vivenda e pedindo axuda ata que pasada o mediodía deste martes un veciño o escoitou e acabou sendo socorrido pola Policía Local e unha ambulancia.
O home, J.R.EM., de 60 anos, sufriu un accidente na súa vivenda unifamiliar do lugar do Cruceiro, na parroquia caldense de Carracedo, e finalmente tivo que ser trasladado ao Hospital Montecelo de Pontevedra.
Segundo informou a Policía Local, un home chamounos e pediu a súa colaboración porque escoitara berrar o seu veciño. Alertou tamén ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, que ten rexistrada a chamada ás 12.53 horas.
Fontes da Policía Local indicaron que o ferido vive só nunha casa en estado ruinoso, co chan de madeira mal conservado. Cando chegaron á vivenda, encontrárono colgado boca abaixo, cos pés enganchados no chan do primeiro piso e a cabeza máis preto do baixo. Había unha mancha no chan, sangráballe o nariz tras recibir un golpe.
O propio ferido relatou aos axentes que na noite do luns sufrira un accidente, unha das táboas do chan do primeiro piso cedeu ao seu paso e precipitouse. Por sorte, non chegou a precipitarse de todo porque un pé quedoulle enganchado e empezou a pedir axuda.
Ata o mediodía deste martes, tras pasar toda a noite nesta postura, non o escoitou o seu veciño. Inmediatamente pediu axuda e o ferido foi rescatado e trasladado ao hospital. Segundo a Policía Local, estaba consciente.