Landín Eirín: ENCE en Barro, non, pero en Pontevedra, si
Por Oskar Viéitez
O exalcalde de Barro, o popular José Antonio Landín Eirín, agora na oposición, solicitou a celebración dun pleno extraordinario no seu Concello para esixir o apoio do goberno local á continuidade de Ence e Elnosa na súa actual localización na ría de Pontevedra.
Curiosamente Landín Eirín foi quen vetou a instalación de fábricas de celulosa no polígono industrial de Barro-Meis. Foi no ano 2012 cando, da man do presidente da Deputación, Rafael Louzán, o alcalde de Barro, asinaba ante os veciños un documento no que se impedía que se puidesen implantar no polígono "instalacións industriais destinadas á fabricación de pasta de papel a partires de madeira ou doutras materias fibrosas ou á fabricación de papel e cartón".
A indignación e o enfado de José Antonio Landín Eirín ante a posibilidade de ter a Ence no seu concello levouno a enfrontarse coa federación veciñal pontevedresa Teucro que no ano 2010 expuxera a idea de trasladar a actividade da factoría de Ence e a nova planta de biomasa a Barro unha vez que finalizase a concesión en Lourizán en 2018.
Naquel momento declarara o alcalde de Barro, Landín Eirín, "que a federación Teucro meta o fuciño na súa casa".
Agora, desde a oposición, o Partido Popular de Barro, con Landín Eirín como xefe de filas non só esixe a continuidade de Ence e Elnosa en Lourizán senón que tamén solicita "a posta en marcha dunha gran factoría de transformación da madeira, onde non só se produza pasta de papel senón que peche na nosa comunidade o ciclo completo de transformación".