61 puntiños grises e un granate
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra estrea nova imaxe corporativa. O deseño tivo "custo cero" para as arcas provinciais xa que foron catro traballadoras da propia institución as que se encargaron da súa elaboración.
A proposta elixida presenta 61 puntiños grises e un de cor granate aliñados en forma de rectángulo, aínda que sobresaen dous. En letras maiúsculas o nome da institución "Deputación" en cor granate e en gris "Pontevedra".
Carmela Silva e César Mosquera, presidenta e vicepresidente da Deputación presentaron esta nova imaxe entre halagos e felicitacións ás traballadoras "da casa" que foron as encargadas de asumir este reto. Ambos os políticos confesaron estar "encantados" polo cambio e tamén puxeron en valor o "enorme talento" dos funcionarios da Deputación para asumir unha tarefa "que ata agora sempre se contrataba fóra".
O cambio de imaxe virá acompañado nos próximos días de modificacións substanciais na páxina web da institución, onde primarán a "accesibilidade e a transparecia".
Pola súa banda Cesar Mosquera sinalou que a nova identidade "rompe coa dureza do anterior logotipo" e cualificou a nova imaxe de "moderna, sinxela, moi lexible, cunhas connotacións amantes e moi inclusivas" xa que a Deputación é un punto vermello dentro dos 62 concellos da provincia.