A intersexualidade, a realidade 'trans' ou o 'flirteo a cegas', a análise nas V Xornadas Galegas de Saúde Sexual
Por Redacción
Pontevedra acollerá os próximos 6 e 7 de novembro as V Xornadas Galegas de Saúde Sexual, unha cita que a Sociedade Galega de Sexología celebra con periodicidade bianual e que chega por segunda edición á cidade do Lérez. Máis de cen profesionais da saúde e de especialidades relacionadas coa sexualidade confirmaron a súa asistencia a unha edición centrada na diversidade sexual e que ten como lema 'Tantas sexualidades como persoas'.
A deste 2015 será, segundo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a edición "máis completa ata agora" da actividade. O presidente da Sociedade Galega de Sexología, Manuel Varela Salgado, engade que este será o ano con máis talleres dentro destas xornadas. Haberá seis sobre 'Sensitividade corporal e expresión afectiva', 'Romatic bondage', 'Flirtear a Cegas', 'Fisiosexología', 'Abordaxe da sexualidade na diversidade funcional' e 'Striptease de Xénero'.
Un dos temas centrais será a intersexualidade, un concepto para o que no pasado se utilizaba o termo hermafrodita, pero tamén se abordarán outros aspectos como as transexualidades, a sexualidade para as persoas con discapacidade ou as persoas maiores, a relación entre a contracepción e o desexo, a sexualidade despois do parte, a relación entre a sexualidade e o chan pélvico, a sexualidade e a violencia na adolescencia e a reasignación sexual.
As temáticas son variadas porque, segundo o doutor Manuel Varela, "se busca explicar que no amplo abano da sexualidade cabemos todos, todos temos igualdade de dereitos. Todo na sexualidade é igualmente válido e admitido sempre que sexa consentido". É o mesmo concepto que queren transmitir co lema das xornadas, 'Tantas sexualidades como persoas'.