Cotobade apoia a continuidade de ENCE e Elnosa nun Pleno que abandonaron os edís do PSOE
Por Redacción
A corporación municipal de Cotobade, cos únicos a favor do Partido Popular, mostrou este xoves o seu "total apoio" aos traballadores de Ence nas súas reivindicacións para que o Goberno conceda unha a prórroga solicitada pola empresa para permanecer nas súas instalación de Lourizán máis alá de 2018. Así se recolle no acordo plenario que se adoptou coa ausencia dos edís do PSOE, que abandonaron o Pleno antes da votación.
Ante un numeroso grupo de traballadores de Ence e Elnosa, o equipo de goberno de Cotobade destacou a importancia que teñen ambas compañías no tecido económico da comarca e, por iso, acordaron que, a cambio desta prórroga o Goberno lles esixa que invistan na adecuación tecnolóxica das súas fábricas.
Ademais, instan a todas as partes implicadas para que poñan en marcha unha planta que peche en Lourizán o ciclo de transformación do papel.
Este Pleno extraordinario foi convocado polo alcalde pola vía de urxencia, circunstancia que alegaron os concelleiros do PSdeG-PSOE para abandonar a sesión. Non estaban de acordo coa súa celebración e acusaron ao rexedor de "oscurantismo e caciquismo". Con todo, Jorge Cubela asegurou que a súa convocatoria era legal e fíxolle con tempo suficiente, estando toda a documentación a disposición da oposición.
"Foi un acto de lavado de cara para non levantar a man no momento de non apoiar os acordos que presentamos de apoio ao complexo", afirmou o alcalde despois do Pleno.
Cubela xustificou a súa postura na "transcendencia e impacto" que tería a desaparición desta industria transformadora para a comarca de Pontevedra, para o Porto de Marín e para Galicia, unha situación, dixo, ante a que a corporación municipal de Cotobade "debe manifestarse e non permanecer alleo a un debate presente na sociedade e na nosa contorna".
Durante o Pleno, o alcalde deulle a palabra ao presidente do comité de empresa de Ence, Pedro Soto, que agradeceu a moción aprobada polos edís do Partido Popular e pediu un maior apoio de todas as administracións á defensa dos seus postos de traballo.
Relacionadas:
-
Presentan o Libro branco de Ence agardando que a presión social impida a continuidade da fábrica
Por Anxo Lourido |
-
Os comités de Elnosa e Ence únense no pleno de Barro para reivindicar a continuidade das factorías
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Lores acepta recibir á dirección de Elnosa, pero avísalles: "Non se poden quedar"
Por Redacción |
-
O comité de Elnosa destaca ante María Ramallo que moitos dos traballadores da fábrica son de Marín
Por Redacción |