Dez anos de cadea por intentar matar a súa parella tirandoa pola fiestra en San Roque
Por Redacción
O pontevedrés natural do Morrazo Genaro Solla Moares deberá cumprir dez anos de prisión como autor dun delito de malos tratos e outro de homicidio en grao de tentativa por pegar á súa noiva e tentar matala tirándoa pola xanela da súa casa na rúa Victor Said Armesto, no barrio de San Roque.
Unha sentenza da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra imponlle, ademais, o pago dunha indemnización á que era a súa parella de 20.000 euros polos danos sufridos e unha orde de afastamento que lle impide achegarse a ela durante 18 anos.
O home foi condenado por dous feitos ocorridos o 25 de xullo e o 6 de novembro de 2013 polos que foi xulgado en setembro. Polo primeiro, a sentenza imponlle unha pena dun ano de cárcere e polo segundo, cualificado como intento de homicidio, nove anos.
Os feitos máis graves ocorreron na madrugada do 6 de novembro, cando ela chegou a casa despois do traballo -exercía a prostitución- e desencadeouse unha discusión na que acabou encerrándose no salón, pero el rompeu a porta e empezou a golpeala e a ameazala primeiro cunha navalla e logo cun coitelo de cociña, segundo o relato dos feitos que achegou ela durante o xuízo. Nun momento dado, cando xa levaban unha hora de enfrontamento, asomouse á xanela para pedir auxilio e el aproveitou para collela polos pés e arroxala ao chan desde a xanela do salón. Caeu á rúa e sufriu feridas graves polas que estivo ingresada na UCI.
O 25 de xullo de 2013 a muller tivera que ser atendida por varios golpes polos que sufriu unha fractura no nariz, entre outras lesións. Segundo a versión que trasladou ela ao tribunal, facía pouco que empezaran a súa relación sentimental, tiveron unha forte discusión na casa de Victor Said Armesto e ela escapou cara á rúa. Nas inmediacións da vivenda, deulle golpes na cara, agarroulle os pelos e arrastrouna. A versión del é tamén moi diferente, pois sostén que ese era o segundo día que a vía e que, cando se atoparon, ela xa tiña as lesións.