Os traballadores de Elnosa tachan de "absoluto impresentable" ao alcalde e anuncian concentracións semanais
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O comité de traballadores de Electroquímica do Noroeste S.A. (Elnosa) concentrarase semanalmente ante o concello para que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, reciba á dirección da empresa.
Nunha rolda de prensa, o presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino García, e o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, cualificaron ao alcalde de "absoluto impresentable" por "agocharse, para non poñer en evidencia as súas contradicións" ante as reiteradas solicitudes de entrevista formuladas polos directivos do Grupo CUF, propietarios de Elnosa.
Segundo os traballadores, os responsables da cloreira están dispostos a investir "entre 30 e 40 millóns de euros" para adaptar a tecnoloxía da fábrica de Lourizán á normativa europea.
García Pedrosa lembrou ao alcalde a súa "responsabilidade" respecto ao emprego dos 70 empregados do persoal de Elnosa, e asegurou que "non contemplamos o escenario do peche" polo que afirman que "imos dar batalla sen tregua".
Para os traballadores a continuidade dos seus postos de traballo "só é un problema político", unha vez que a Xunta cambiase de postura pasando de fixar unha data de caducidade á permanencia de Elnosa en Lourizán a ratificar un apoio explícito a que a cloreira continúe traballando na súa actual localización na Ría de Pontevedra grazas á modificación da Lei de Costas.
Igualmente estenderon as súas críticas ao PSOE local, censurando a "actitude chulesca e agresiva" do portavoz socialista en Pontevedra, Agustín Fernández. Neste sentido, queren falar co líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro para que lles xestione unha entrevista co secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.
Os traballadores de Elnosa ven un paralelismo entre a súa situación e a da empresa Inovyn-Solvay de Martorell con cuxo persoal se reuniu Pedro Sánchez comprometéndose a axudar á empresa tras a súa exclusión das poxas de interrumpebilidade eléctrica.
Finalmente estenderon as súas queixas á Deputación con cuxo goberno afirman estar "decepcionados" ao non ser recibidos pola presidenta, Carmela Silva, senón polo deputado Santos Héctor. Por iso afirman que pedirán unha quenda de intervención no próximo pleno.
Relacionadas:
-
Lores advirte a Elnosa que darlle licenza é "legalmente imposible" pola súa propia inacción
Por Alejandro Espiño |
-
Os traballadores de Elnosa piden "enchufes" ante o Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Lores acepta recibir á dirección de Elnosa, pero avísalles: "Non se poden quedar"
Por Redacción |