Denuncian unha vertedura de gasóleo en Lourizán
Por Oskar Viéitez
Membros da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e da confraría de Lourizán denunciaron este mércores a presenza dunha chamativa vertedura negra sobre a area da praia de Lourizán, "un vertido que semella ser gasoil ou algún outro derivado do petróleo ".
Inmediatamente foron chamados os servizos da Garda Civil.
Á espera de que se poidan determinar as causas de tal vertedura, a hipótese barallada no lugar dos feitos era que, en función das condicións ambientais e do vento dominante no momento en que se observou a vertedura, "semella probable que o gasoil proceda do veciño estaleiro dos Praceres".
O presidente da APDR, Antón Masa, denunciou que este tipo de situacións se poidan producir "nunha zona que ten clara vocación marisqueira e turística", e esixiu en nome do colectivo ecoloxista "que se clarifique este feito que constitúe causa de denuncia por delito ecolóxico", que se determinen aos responsables, se apliquen as correspondentes sancións e se tomen as medidas necesarias para evitar que novos casos se volvan a producir.
"Non se debe esquecer que esta zona está sendo sistematicamente castigada pola presenza de vertidos procedentes da depuradora de Os Praceres e do complexo industrial de Lourizán, dúas instalacións postas en cuestión no que á súa concesión se refire e pola incompatibilidade co importante banco marisqueiro da zona", engadiu Masa.