"A sanidade de Pontevedra é coma unha señora infartada á que a Xunta de Galicia lle pon unha tirita nun dedo"
Por Oskar Viéitez
"A sanidade de Pontevedra é coma unha señora infartada á que a Xunta de Galicia lle pon unha tirita nun dedo", así describe o portavoz de Marea, Luís Rei, o diñeiro destinado para a sanidade pontevedresa polo goberno galego nos orzamentos para 2016.
Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), a través da súa deputada Eva Solla, será a encargada de presentar unha emenda aos orzamentos na que se instará á Xunta a que inclúa unha partida de 14 millóns de euros para retomar o proxecto de ampliación do Hospital de Montecelo.
Para Eva Solla a estratexia da Xunta de Alberto Núñez Feijóo é "privatizar" o sistema sanitario galego, e cualificou como "pantalla" a "suposta subida que apuntan os orzamentos" xa que o incremento "afecta ás partidas adicadas á sanidade privada" mentres que "o investimento real apenas varía respecto doutros anos".
Igualmente sinalou que a "pequena" oferta de emprego "non cobre a destrución de postos de traballo levada a cabo polo Partido Popular".
En canto ás infraestruturas, lembrou que a cidadanía leva anos reclamando a ampliación do Hospital Montecelo "que chegou a estar licitada e que o PP desbotou". Así tachou de "irresponsabilidade" que a Xunta manteña nos orzamentos "a súa teima" de construír un hospital en Monte Carrasco financiado pola iniciativa privada.
Ao seu xuízo os 26.000 euros consignados no orzamento da Xunta para construír Monte Carrasco, demostran que a Xunta "nunca chegou a ter un proxecto serio".
Eva Solla citou o exemplo "desastroso" do Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo para descartar unha iniciativa similar en Pontevedra. De novo volveu falar de privatización e de "portas xiratorias" para referirse ao caso do ex xerente do Chuvi, Mario González, que foi "fichado" polo Grupo Quirón, que recentemente adquiriu o Hospital Miguel Domínguez.
Pola súa banda, a portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Luisa Lores Aguín, apuntou que a "única solución" para Pontevedra pasa pola "ampliación de Montecelo, que cuenta con terrenos y es menos cara que otras propuestas" aínda que, engadiu "el PP sólo quiere desmantelar la sanidad pública para privatizarla".
Relacionadas:
-
O xerente do CHOP considera "un parche" a ampliación do hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
A Santa Compaña clama contra a privatización da sanidade pontevedresa
Por Diego Torrado |
-
O Complexo Hospitalario de Pontevedra, acreditado como 'Hospital Seguro'
Por Redacción |
-
A Santa Compaña reivindicará polas rúas de Pontevedra a ampliación do Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Chaman dende a Peregrina á manifestarse en defensa da sanidade pública
Por Redacción |
-
A plataforma SOS Sanidade denuncia a presenza de roedores no recinto do Hospital Provincial
Por Anxo Lourido |