A Deputación mostra o seu compromiso contra as violencias machistas
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, compareceu en rolda de prensa acompañada do resto de deputadas do goberno provincial e representantes da Plataforma Feminista galega, para mostrar o apoio da administración provincial á gran manifestación que se celebrará este sábado en Madrid contra as violencias machistas.
"Temos que dicir, alto e claro, basta xa", declarou Carmela Silva.
As políticas de igualdade e contra a violencia de xénero "deben ser unha cuestión de Estado", reivindicou a presidenta da deputación pontevedresa porque "non podemos esperar máis. Ás mulleres estannos asasinando. E as administracións non poden mirar para outro lado", engadiu.
Unha vez máis, Carmela Silva reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que emprenda medidas efectivas para poñer freo ao asasinato das mulleres e ofreceulle toda a colaboración da Deputación de Pontevedra. Igualmente ao Goberno do Estado esixiu que habilite todos os recursos necesarios con este mesmo fin.
Neste sentido, a presidenta pontevedresa destacou que "por primeira vez", a Deputación mostra un "compromiso serio" contra as violencias machistas, coa posta en marcha dunha serie de iniciativas encamiñadas a loitar contra esta secuela social como a creación dun Servizo de Igualdade no ente provincial.
Carmela Silva afirmou que "non pode haber democracia se as mulleres non ocupan o lugar que lles corresponde na sociedade".
Respecto da Marcha contra as Violencias Machistas, a Deputación colaborou coa impresión de cartelería e a dotación de catro autobuses que partirán de diferentes puntos da provincia en dirección a Madrid.
Ademais, a fachada do Pazo Provincial que xa loce desde o día 3 de novembro unha pancarta xigante coa inscrición "A Deputación de Pontevedra contra a Violencia Machista", tamén se iluminará de malva na tarde do 6 de novembro, a partir das 20.00 horas, en símbolo de apoio á causa da Igualdade.
Finalmente, Carmela Silva felicitou ás representantes da Plataforma Feminista Galega. "Síntome emocionada de que sexades capaces de levantar a capa e espada, e as veces ante moita incomprensión, a bandeira dá igualdade", díxolles.
Relacionadas:
-
Marín reparte paraugas contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Arte contemporánea e autóctona para conseguir a "#violenciazero"
Por Redacción |
-
As sedes da Deputación e do Concello colgan pancartas contra "todas as violencias machistas"
Por Redacción |
-
Carmela Silva urxe a Feijóo a elaboración dun protocolo de actuación ante os crimes de mulleres
Por Redacción |
-
Pontevedra, unida pola dor e a rabia: "Conchi, no noso corazón para sempre"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |