A Deputación promove un inventario de recursos patrimoniais da provincia para potenciar a súa recuperación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a realizar un inventario dos recursos patrimoniais da provincia co obxectivo de pactar e estudar coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia as actuacións que se teñen que realizar e acordar cos concellos a recuperación e rehabilitación dos mesmos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, incidiu en que "a provincia de Pontevedra conta cun excelente patrimonio cultural que temos que recuperar" e cre que potenciando a súa recuperación xéranse perspectivas de emprego para o alumnado da Escola de Cantería de Poio. Dende o seu punto de vista, todas as administracións, pero sobre todo o Goberno e a Xunta de Galicia por ser os que teñen competencias na materia "deben outorgar os recursos suficientes para coidar o patrimonio".
"É fundamental que todas as administracións nos sentemos para facer un gran plan de recuperación do noso patrimonio que nos permita rehabilitalo e recuperalo", indicou Carmela Silva durante a inauguración este luns do curso académico 2015-2016 da Escola de Cantería.
A presidenta provincial segue a traballar na homologación dos estudos da Escola de Cantería e indicou que en outubro recibiu do Instituto Nacional de Cualificacións Profesionais unha serie de titulacións polas que se pode validar o título de cantería.
Ademais, pedirá ao conselleiro de Educación que, de non adecuarse ningunha titulación ás necesidades do estudantado da Escola de Cantería, "solvente esta cuestión para lograr que os profesionais que saian deste centro teñan unha titulación oficial e recoñecemento técnico que lles permita actuar profesionalmente".