Deteñen unha muller de 86 anos por raiar coches aparcados en Marín
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional, adscritos á Comisaría de Marín, detiveron o pasado xoves 12 de novembro a unha veciña da vila, de 86 anos de idade, como presunta autora de varios delitos de danos en vehículo.
Segundo explica o corpo policial, os feitos remóntanse ao pasado mes de agosto, cando nas rúas Jaime Janer e Busto de Abaixo, en Marín, comezaron a aparacer danos nos coches aparcados na zona, todos eles con rai na parte lateral cara ao lado da beirarrúa.
En total a Policía Nacional contabilizou denuncias por raiados en 21 coches "algúns deles en varias ocasións, do mesmo xeito e no mesmo lugar", informaron.
Ante esta situación os axentes estableceron un dispositivo e iniciaron investigacións para tentar dar co autor dos danos.
Grazas á colaboración cidadá, ao seguir aparecendo coches danados durante outubro e novembro, este xoves logrouse identificar e deter á presunta autora.
As dilixencias policiais foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Marín.