Traballadores de Elnosa concéntranse no Pazo aproveitando o Encontro Galego-Portugués de Química
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Un grupo de traballadores de Elnosa con representantes do comité de empresa trasladaron a concentración semanal fronte ao Concello ao Pazo da Cultura con motivo da celebración do Encontro Galego-Portugués de Química. A concelleira Carme da Silva acudiu a inaugurar este congreso e os empregados da factoría situada en Lourizán despregaron a súa pancarta na entrada do recinto.
Segundo manifestou o presidente do comité de empresa, Avelino García, o goberno local de Pontevedra quere pechar a única fábrica de química importante que hai en Galicia aínda que defende ás empresas químicas nestes eventos. O representante sindical sinalou que lle parece incongruente xa que as empresas tanto portuguesas como españolas que acoden a estes congresos traballan con materiais de Elnosa.
García indicou que mentres noutras localidades do territorio español como Torrelavega, as administracións apoian que as electroquímicas realicen o cambio para deixar de traballar con mercurio, en Pontevedra o alcalde négase a manter reunións coa empresa que está interesada en permanecer en Lourizán levando a cabo ese cambio de tecnoloxía.
O representante dos trabajadores apuntou que continuarán coas súas reivindicacións mentres que a dirección continúa vendo a documentación que teñen que presentar para acometer ese cambio tecnolóxico. Apuntan que a empresa xa lles manifestou que quere garantías de continuidade na actual localización antes de realizar un investimento forte en infraestruturas.
Relacionadas:
-
As paxes dos Reis Malos de Elnosa deixan carbón diante do Concello
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os traballadores de Elnosa poñen en marcha unha cabalgata de "Reis Malos"
Por Anxo Lourido |
-
O Supremo desestima o recurso de casación de Elnosa para evitar o seu cesamento de actividade
Por Diego Espiño |
-
Caretas para reclamar traballo ás portas do Concello
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O comité de empresa de Elnosa acusa a Lores de mentir sobre o que precisa a fábrica para seguir na ría
Por Anxo Lourido |
-
Lores advirte a Elnosa que darlle licenza é "legalmente imposible" pola súa propia inacción
Por Alejandro Espiño |