Os comuneiros de Mourente agardan que a vista xudicial para recuperar Montecelo se celebre antes do verán
Por Redacción
A Comunidade de Montes de Mourente informou que a demanda civil que presentou hai meses contra a Tesourería Xeral da Seguridade Social e o Concello de Pontevedra para recuperar a titularidade dos terreos ocupados polo Hospital Montecelo segue a súa evolución xudicial con "normalidade".
Este contencioso, que se dirime en primeira instancia no Xulgado nº 4 de Pontevedra, prosegue o seu trámite "a bo ritmo " tras denegar o titular desta sala a solicitude de nulidade por parte da Seguridade Social alegando erros no enderezo postal da comunicación previa.
Tras fracasar no que, a xuízo da Comunidade de Montes de Mourente, foi un "intento de retrasar a tramitación xudicial da demanda" por parte da Tesourería Xeral da Seguridade Social, a sala fixou para primeiros de febreiro a data da audiencia previa na que as partes presentarán os medios de proba na defensa dos seus intereses. De non producirse retrasos, a Comunidade de Montes de Mourente espera que a vista en primeira instancia teña lugar "antes do próximo verán".
OFERTA FRACASADA
O conflito iniciouse a primeiros de 2014, ante as noticias do futuro traslado do Hospital a Monte Carrasco e os rumores da consecuente venda do Hospital Montecelo a mans privadas. A Asemblea da Comunidade de Montes aprobou unha moción presentada pola Xunta Reitora na que se propoñía á Xunta de Galicia a sinatura dun convenio no cal, a cambio de recoñecer a titularidade veciñal dos terreos, ofrecíase a súa cesión gratuíta e indefinida mentres funcionara como hospital público. De non asinarse o convenio, acordouse a presentación da demanda xudicial para a recuperación dos terreos.
A oferta non foi atendida. A Xunta de Galicia respondeu que a titularidade dos terreos correspondía actualmente á Seguridade Social e desentendeuse do asunto. A Tesourería da Seguridade Social, con bastante retraso, respondeu que tiña unha escritura pública que lle outorgaba a titularidade dos terreos, convidando á Comunidade de Montes a reclamalos en vía xudicial, o que a entidade parroquial presentou finalmente hai uns meses, en cumprimento do acordo da Asemblea.
A Comunidade de Montes "lamenta profundamente" o fracaso das súas xestións para chegar a un acordo "beneficioso para todas as partes e que garantiría o funcionamento futuro do Hospital Montecelo durante o período en que estivera en servizo". Acusa á Xunta de Galicia de "indiferenza e prepotencia, especialmente sendo o actual usuario do Hospital Montecelo e o principal damnificado en caso de prosperar a demanda dos comuneiros de Mourente".
"BATEU COA SOBERBIA, A DESIDIA E A INDIFERENZA DO ESTADO E A XUNTA"
Esta comunidade de montes subliña que "os terreos veciñais son inalienables, polo que están fóra do mercado (non poden ser vendidos nin comprados) e non poden ser alleados máis que por unha expropiación ou por unha permuta".
Os intentos da Comunidade de Montes de Mourente de negociar coas administracións públicas para garantir a continuidade do Hospital Montecelo "bateu coa soberbia, a desidia e a indiferenza do Estado e da Xunta de Galicia, que persisten na súa postura e non recoñecen os seus erros, malia á clara xurisprudencia existente".
Relacionadas:
-
A Seguridade Social recorre a sentenza que recoñece a titularidade de Montecelo aos comuneiros de Mourente
Por Oskar Viéitez |
-
Unha sentenza conclúe que os terreos do Hospital Montecelo pertencen aos comuneiros de Mourente
Por Redacción |
-
O 17 de marzo celebrarase o xuízo sobre a titularidade dos terreos do Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Mourente reclama ante a Xustiza o terreo de Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Mourente solicitan unha entrevista á conselleira de Sanidade para falar de Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
Os comuneiros de Mourente reclaman a titularidade dos terreos que ocupa o Hospital Montecelo
Por Redacción |