SATSE pide ao conselleiro que revise os contratos abusivos ás enfermeiras
Por Redacción
O sindicato SATSE denuncia que ao redor do 20-30% dos contratos por substitución que se fan en Atención Primaria son de xornadas a tempo parcial, con contratos de tan só tres horas.
Segundo sinala Emma Rodríguez, delegada deste sindicato, "en permisos e mesmo en baixas longas contratan días alternos por catro horas e a distinto persoal cada día; moitos deles teñen que desprazarse a centros lonxe da súa residencia, e unha vez alí ten que asumir practicamente toda a carga da enfermeira que está de baixa, pero en só catro horas, facendo incluso os domicilios correspondentes, polo que en moitas ocasións as retribucións non chegan a compensar os gastos de desprazamento".
Esta central reclama ao novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que faga un estudo exhaustivo deste tipo de contratos. Segundo sinalan en Pontevedra área norte, este tipo de contratos temporais realizáronse na Casa do Mar de Marín, no ambulatorio Virxe Peregrina en Pontevedra e tamén en centros de saúde de Ponte Caldelas, da Lama e o CS Anafans, de Poio.
Maite Joaquín Suárez, secretaria provincial do SATSE en Pontevedra, considera que estes contratos son abusivos, de xornadas parciais e afectan as enfermeiras que fan substitucións en Atención Primaria.