A APDR asegura que un dos seus socios foi agredido por varios traballadores de ENCE
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O presidente da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Antón Masa, informou que un dos seus socios foi agredido por varios traballadores de ENCE. A pesares desta acusación, fontes consultadas por PontevedraViva indicaron que non hai constancia de ningunha denuncia por lesións presentada na Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra por estos feitos.
Este voceiro do colectivo ambientalista asegurou que na madrugada do pasado mércores, cando viñan de colocar bandeirolas da campaña conxunta “Ence fóra da ría para sempre” un grupo de membros da APDR observaron como unhas persoas "rachaban os carteis" que a asociación tiña colocado días antes nas farolas da rúa Benito Corbal, "recriminándolle a súa actitude".
Segundo a versión que traslada Antón Masa "a resposta destas persoas, que se identificaron como traballadores de Ence, foi a de persistir na súa actitude antidemocrática e agresiva proferindo insultos aos membros da APDR, que insistían no dereito á libre expresión e argumentaban na necesidade de respectar os carteis como facemos nós cos do comité de empresa de Elnosa".
Antón Masa explicou que "lonxe de entrar en razón, estas persoas aumentaron o grado de agresividade cara aos membros da APDR chegando unha delas a propinar golpes e empurróns a un dos nosos compañeiros".
Como consecuencia dos golpes, esta persoa caeu ao chan producíndose pequenas erupcións nas mans e nos xeonllos.
A APDR quere denunciar a actitude dos traballadores de Ence e Elnosa que "co uso da forza bruta fronte á forza da razón perden toda lexitimidade na defensa dos seus postos de traballo".
Extende Defensa da Ría a súa denuncia á empresa pasteira de Lourizán que "ao tempo que amosa unha cara amábel coa súa mentireira e edulcorada propaganda, anima a agresividade dos seus traballadores cara a aquelas persoas que –de forma pacífica e lexítima- expresamos as nosas ideas contrarias á permanencia de Ence e Elnosa na Ría e loitamos pola recuperación do noso medio en beneficio da cidadanía".
Antón Masa subliña que "este non é un episodio aillado, xa que non hai demasiado tempo se teñen producido ameazas intolerábeis dos traballadores de Ence-Elnosa ao alcalde de Poio nun Pleno do Concello e as ameazas a aqueles cargos públicos contrarios á permanencia de Ence na Ría son continuas".
Finalmente, o presidente da APDR engade que "Ence deixa ver que só entende a linguaxe da chantaxe, da agresividade e da ameaza aos que non pensamos coma eles, un xeito de actuar que a descualifica diante da cidadanía e co que pretenden amedrentarnos".