Homenaxe ciclista reivindicativa
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
A marcha ciclista de homenaxe a Cristóbal Hermida Freire, o presidente do Club de Ciclismo de Bueu que faleceu atropelado por un camión o pasado 3 de xaneiro na autovía de Marín, reivindicou que os condutores respecten a distancia mínima de seguridade de metro e medio con respecto aos ciclistas, gardando un minuto e medio de silencio no mesmo punto onde a vítima foi arroiada.
Na movilización participaron aproximadamente un milleiro de corredores e, entre eles, algunhas figuras vinculadas ao ciclismo profesional como ÿscar Pereiro, Marcos Serrano, Ezequiel Mosquera e Álvaro Pino.
Os familiares de Cristóbal Hermida recibiron o saúdo dos integrantes do pelotón, que partiran desde Bueu e Pontevedra --ás 10:00 e ás 11:00 respectivamente-- para atoparse na autovía de Marín.
A marcha transcorreu en todo momento baixo a choiva e fixo unha parada xunto ao desvío cara ao porto de Marín onde se produciu o accidente, e onde permanece aínda o ramo de flores depositado polos seus compañeiros trala morte de Hermida.
Desde alí, o pelotón partiu de regreso á praza do concello de Bueu, onde a Federación Galega de Ciclismo finalizou a homenaxe.