Ángel Moldes esixe ao PSOE que se desculpe co PP e os traballadores da Deputación por "mentir" no último Pleno
Por Redacción
O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Ángel Moldes, esixe ao voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Carlos López Font, que recoñeza que mentiu no Pleno da Corporación do mes de setembro cando falou do Plan de Ordenación de Recursos Humanos e que se desculpe publicamente cos deputados provinciais do PP e cos traballadores.
Esta petición ven despois de que se coñecera nos últimos días que o sindicato CSIF alegou contra o citado plan, aprobado no último Pleno, pois isto significa que "ese consenso do que presumían era unha mentira. Queda demostrado quen minte e quen prepara os plenos".
No Pleno de setembro Ángel Moldes denunciou que o plan non tiña o consenso dos traballadores, pero os socialistas "tratáronnos como mentireiros, dicían que estabamos inventando porque non tiñamos argumentos". Ante as alegacións sindicais, Moldes engade que "o tempo pon a cada un no seu sitio e demostra, unha vez máis, que a actitude deste goberno de ir de costas a todos e contra todos, tamén inclúe aos propios traballadores".
Concretamente, a resposta do deputado López Font no Pleno, tal e como recolle a acta da sesión, foi que "cando faltan argumentos collemos a chuleta da demagoxia e tiramos amplamente. Diálogo cos sindicatos, absolutamente todo, creo que vive nunha realidade totalmente diferente á que comportan as relación entre este goberno e a representación laboral". E Ángel Modes engade que mesmo chegou a definir a súa intervención como "absolutamente lamentable".
O recurso de reposición presentado polos sindicatos critica que este plan "vulnera os principios básicos de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública, así como o principio de transparencia" e, segundo o PP, denuncian que se está a facer unha adxudicación directa dunha praza de nova creación, en lugar de convocar un procedemento selectivo, ben a través de promoción interna ou de concurso-oposición.