Paseos "científicos" para divulgar as liñas de investigación da Misión Biolóxica
Por Redacción
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realiza esta semana en Pontevedra talleres prácticos acerca das liñas de investigación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG).
Os talleres comezaron este luns 23 de novembro, co alumnado de terceiro e cuarto de ESO do colexio público Toural, de Vilaboa.
O obxectivo é achegar o traballo dos científicos desde un punto de vista lúdico e explicar, en ton divulgativo, as liñas de investigación da MBG sobre os cultivos de millo, brásicas e leguminosas.
Tamén se pretende dar a coñecer a realidade da investigación agraria que se practica e acerca da que se investiga en Galicia e o día a día dun investigador do CSIC dedicado ao estudo das ciencias agrarias.
Esta iniciativa enmárcase no programa de actividades do CSIC para conmemorar en Galicia a Semana da Ciencia.
A DINÁMICA DOS ITINERARIOS
Os itinerarios, que se desenvolven de 10.00 a 13.30 horas nas instalacións da MBG, están guiados por persoal de tres grupos de investigación: Bioloxía de agrosistemas, Xenética e mellora de millo, e Xenética, mellora e bioquímica de brásicas.
Versan sobre o estudo do sistema simbiótico Leguminosa-Rhizobio, as diferenzas de resistencia das distintas variedades de millo ao taladro, a procura de millo resistente á seca e a conservación das sementes de brásicas.
Comezan cunha explicación teórica por parte dos científicos do CSIC acerca dos conceptos científicos e continúan cunha actividade práctica. Así, por exemplo, o alumnado coñecerá métodos para conservar as sementes de coles e grelos e comprobará in situ a diferenza entre variedades de millo máis e menos resistentes aos insectos.
Complétanse cunha visita guiada ás instalacións da MBG, o centro de investigación máis antigo do CSIC en Galicia posto que se creou no ano 1921. A visita inclúe un percorrido polos laboratorios, os invernadoiros e a leira experimental.