O PSdeG reclama a Feijoo case un centenar de actuacións "incumpridas" coa provincia
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia
Como en Fuenteovejuna, todos a un tempo, case trinta secretarios e portavoces do PSdG na provincia de Pontevedra acudíron á delegación territorial da Xunta nesta capital para solicitar por escrito ao presidente galego, Núñez Feijoo, ata 98 actuacións que sinalaron como incumpridas.
No escrito entregado no Rexistro da delegación administrativa fan constar unha por unha infraestruturas educativas, sanitarias, deportivas, de benestar social, culturais, viarias, de saneamento e abastecemento, para industria e vivenda; así como accións no medio rural e a costa, en emprego e turismo.
O secretario provincial do PSdeG, Santos Héctor, apelou directamente a Alberto Núñez Feijoo para que "deixe de abandonar a súa sorte aos cidadáns da provincia de Pontevedra e poña os recursos para garantir os servizos básicos que lle corresponden á Xunta e non aos concellos", aos que como engadía, está a asfixiar e repercutindo na poboación.
O representante socialista referíase aos orzamentos autonómicos como "propaganda con falta de atención aos cidadáns" e instou ao PP a que se paralice a Lei de Reforma das Administracións Locais porque en caso contrario "levará un auténtico caos que paralizará os servizos que están a prestar os concellos".