"Nin un paso atrás" no rexeitamento da Deputación á continuidade de ENCE e Elnosa
Por Redacción
O goberno da Deputación conformado polo Partido Socialista e o Bloque Nacionalista Galego rexeitaron este venres no Pleno a moción presentada polo Partido Popular na que se pedía o "apoio incondicional" aos traballadores de Ence e Elnosa e a continuidade das fábricas no seu actual emplazamento.
O vicepresidente da institución, César Mosquera, sinalou que o goberno provincial non vai dar "nin un paso atrás" na súa postura contraria á renovación da concesión do complexo fabril na ría de Pontevedra.
Os traballadores das fábricas de Ence e Elnosa en Lourizán acudiron ao Pleno da Deputación de Pontevedra para apoiar aos deputados provinciais do Partido Popular que presentaron unha moción na que se pedía a anulación do acordo sobre Ence e Elnosa aprobado en Xunta de Goberno da Deputación, e que se puidese debater durante a sesión plenaria.
O presidente do comité de empresa de Elnosa, Avelino Gardía, dirixiuse aos deputados ao comezo da sesión plenaria para sinalar, no caso do PSOE, a diferenza de trato que teñen cos traballadores da electroquímica pontevedresa fronte á situación que viven os empregados da planta de Inovyn-Solvay en Martorell (Barcelona), que contan nunha situación similar co apoio expreso do líder socialista, Pedro Sánchez.
Por este motivo, Avelino García asegurou que os deputados "representan ao mundo ao revés" xa que, ao seu xuízo, "renuncian a principios políticos fundamentais só para manter o seu pacto de goberno", polo que entende que a súa é unha "posición política irracional, antiga e reaccionaria".
Avelino García rematou a súa intervención co berro "Elnosa non se pecha!", que foi secundada polo centenar de traballadores que acudiu ao salón de plenos do pazo provincial.
Despois duns minutos os traballadores abandonaron o pazo provincial sen escoitar o debate da moción do PP, que foi rexeitada por PSOE e BNG mentres que o deputado de Marea abstívose.
Relacionadas:
-
O Tribunal Supremo ordena iniciar o expediente de caducidade da concesión de Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Caretas para reclamar traballo ás portas do Concello
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O comité de empresa de Elnosa acusa a Lores de mentir sobre o que precisa a fábrica para seguir na ría
Por Anxo Lourido |