Un trapicheiro que quixo eludir a Policía tirando bolsas de cocaína ao chan enfróntase a tres anos de cárcere
Por Natalia Puga
O pontevedrés J.M.V.G. sentarase este martes 22 de xaneiro no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Pontevedra para render contas por un presunto delito de tráfico de drogas que intentou ocultar cando foi sorprendido pola Policía botando ao chan a cocaína que leva enriba.
Os feitos polos que se enfronta a tres anos de cárcere producíronse sobre as 13.00 horas do 14 de febreiro de 2012 nas inmediacións do poboado do Vao, nun punto ao que adoitan acudir consumidores habituais de substancias estupefacientes para surtirse de cocaína.
Segundo recolle a acusación do fiscal, o imputado viu chegar a axentes policiais e botou ao chan unha carteira con 23 bolsiñas de celofán pechadas que contiñan 4,59 gramos de cocaína cunha riqueza do 81,04%, máis pura do que adoita ser habitual cando chega ao consumidor final.
O fiscal considera probado que o acusado tiña enriba esta droga "para a venda consumidores". Ademais, a Policía lle intervinno 328,50 euros "procedentes da venda da devandita substancia" e unha nota de papel con anotacións supostamente relativas ás transaccións realizadas.
O acusado presenta síndrome de dependencia a múltiples substancias estupefacientes e era consumidor destas cando foi imputado por estes feitos. O fiscal considera que "dita circunstancia diminúe a súa capacidade volitiva nos actos destinados a financiar o autoconsumo" de modo que ten en conta a circunstancia atenuante de adicción á hora de solicitar a pena que debe cumprir polos seus actos.
Ademais de solicitar que sexa condenado a tres anos de cárcere, pide que se lle impoña unha multa de 400 euros con 10 días de privación de liberdade en caso de non pagamento, asi como o comiso da cocaína e o diñeiro intervidos.