Da Verdura á rúa Serra: así foi o primeiro día do novo mercado de antigüidades
Por Alejandro Espiño
O ambiente deste domingo no ámbito da praza de abastos foi totalmente diferente ao que nos ten afeitos outro domingo calquera. A habitual tranquilidade da rúa Serra neste día da semana deu paso á trasfega dos centos de persoas que se achegaron ata a zona no día no que o mercado de antigüidades abandonou o seu tradicional escenario da Verdura pola que será a súa nova localización.
Un total de 46 vendedores, segundo os rexistros dos técnicos municipais, instalaron os seus postos na rúa Serra. Un traslado que se fixo con total normalidade e durante o cal non se rexistraron incidentes de ningún tipo. Todos eles foran informados do traslado e aceptaran as condicións impostas polo novo regulamento.
Aínda así, desde primeira hora da mañá axentes da Policía Local estiveron presentes na praza da Verdura por se algún despistado non se decatara do cambio e pretendía instalar os seus postos de venda na antiga localización.
Segundo as novas instrucións, estes vendedores só poden ofertar antigüidades e curiosidades como mobles, obxectos de decoración, artesanías, pinturas, artigos de coleccionista, filatelia, numismática, discos de vinilo, carteis, cartóns postais, libros, revistas, cómics ou ferramentas antigas non eléctricas.
Pola contra, non se autorizou a venda de roupa, calzado, xoguetes -salvo que sexan antigos-, alimentos, lentes, ou aparellos electrónicos. Ademais, tamén están obrigados a ofrecer os produtos en mesas ou estantes cunha dimensión máxima de dous metros e medio de longo. Non se permite que os obxectos estean no chan.
Todos instalaron os seus postos baixo a atenta mirada dos funcionarios do Concello, que lles ían indicando o lugar asignando para cada un deles. O material foi descargado antes das nove e media da mañá, tal e como acordaran, e desmontaron os seus postos ás tres da tarde, deixando o lugar que se ocupou totalmente limpo.
Desde o Centro Comercial Urbano Zona Monumental, impulsor deste mercado, Miguel Lago celebra o "éxito" alcanzado co seu traslado, algo que segundo o presidente deste colectivo é palpable pola gran afluencia de xente que se achegou ata a rúa Serra. A pesar diso, afirma que seguirán reclamando o seu cambio ao sábado, de forma que axude á dinamización do mercado e da feira da Xunqueira.
DISPARIDADE DE OPINIÓNS ENTRE OS VENDEDORES
Aínda que a gran afluencia de público, desde primeira hora da mañá e especialmente a partir das doce do mediodía, foi do agrado dos vendedores deste mercado, o cambio de localización acordado polo Concello de Pontevedra e Zona Monumental non sentou igual de ben a todos os interesados, á vista das opinións recollidas por PontevedraViva neste primeiro día na rúa Serra.
"O mercado na Verdura estaba moi desfasado e moi desordenado", recoñece Teresa, unha destas vendedoras. "Aquí estamos mellor, a rúa é moi cómoda e moi ampla e creo que nos axudará a que suba o nivel", explica. Pero ao seu lado, Sara non opina o mesmo. A pesar de coincidir no "descontrol" que existía, cre que a nova situación non lles beneficia e quéixase de que "aquí fai moito frío, alí estabamos máis resgardados".
Tato Heredia, pola súa banda, reclama que o Concello habilite unhas carpas para poder refuxiarse do frío e do vento no seu novo emprazamento e lamenta que esta regulación que ve "positiva" non se puidera aplicar antes na Verdura, algo que considera "evitaría moitos problemas". E Marcos Aparicio, vendedor de primeiras edicións de vinilos, sospeita que "os pontevedreses non deixarán de vir, pero aquí perderemos aos turistas".
Relacionadas:
-
Retiran o mercado de antigüidades da rúa Serra por estar "ilegal" e xeran malestar entre os vendedores
Por Redacción |
-
Álvaro Ibaibarriaga, hostaleiro multado na Verdura: "Me han metido 601 euros por levantarme para ir a trabajar"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O mercado de antigüidades estréase este domingo na rúa Serra
Por Marisa Ciordia |
-
O PP pide retomar a ordenanza de venda ambulante para regular o mercado de antigüidades
Por Redacción |
-
O mercadillo da Verdura será trasladado á rúa Serra "nun prazo curto de tempo"
Por Redacción |
-
Un policía local denuncia un hostaleiro por botar uns vendedores do rastro da Verdura e montar a súa terraza
Por Anxo Lourido |