Ingresan en Psiquiatría ao homicida de Ponte Caldelas ata o seu paso a disposición xudicial
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga
Marcos Vidal González, o autor confeso do crime de Ponte Caldelas, foi ingresado nas últimas horas na unidade de Psiquiatría do Hospital Provincial, segundo puido saber PontevedraViva.
Alí permanecerá, incomunicado e custodiado en todo momento pola Garda Civil, ata que o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra, que se fixo cargo do caso, ordene o seu paso a disposición xudicial.
Desde o momento da súa detención, o sábado sobre as dez da mañá nas inmediacións da praia fluvial da Calzada, tivo que ser atendido no hospital en varias ocasións, polo que finalmente optouse por ingresalo. Segundo fontes da investigación, actualmente estaba a tomar "bastante medicación", o que provocaría esta necesidade de atención sanitaria.
Ademais, nas últimas horas os investigadores deron importantes avances para deixar o caso ben atado. Analizouse o contido dunhas mensaxes que, ao parecer, o presunto homicida tería enviado ao teléfono da vítima, Manuel Ángel Rivas Muíños, nos últimos días e dos que se deduce un ton ameazante.
Analizouse o contido dunhas mensaxes que, ao parecer, o presunto homicida enviou ao teléfono da vítima nos últimos días e dos que se deduce un ton ameazante
Esta circunstancia coincide coa declaración da nai do falecido á Garda Civil, que manifestou desde o primeiro momento este sentíase ameazado polo detido. Aínda que non presentara denuncia contra el, manifestara aos seus achegados a inquietude que lle causaba a el e á súa esposa as continuas ameazas recibidas e dous incidentes que acabaron co seu coche raiado e coas catro rodas picadas.
A Garda Civil fixo tamén este domingo un rexistro na casa de Marcos Vidal, situada na estrada de Arcade a Soutomaior. Alí, os axentes atoparon a roupa ensanguentada que levaba cando acabou coa vida de Manuel Ángel. Esta circunstancia leva aos investigadores a fixar que, tras matalo en Ponte Caldelas, volveu ao seu domicilio, cambiouse de roupa e, xunto coa arma homicida -unha navalla- regresou ao municipio antes de entregarse.
CONCENTRACIÓN ESPONTÁNEA
Mentres tanto, continúan as mostras de repulsa polo crime. Medio centenar de persoas concentráronse este domingo na alameda de Ponte Caldelas, de maneira espontánea, para condenar o sucedido. Ademais, para este luns segue en pé a concentración silenciosa ante o Concello tras finalizar o pleno urxente que terá lugar ás 13.00 horas e no que se declararán tres días de loito oficial no municipio.
Relacionadas:
-
Marcos Vidal, único acusado por asasinar a puñaladas ao marido da súa ex "aumentando de forma deliberada o seu sufrimento"
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia Provincial deberá decidir se investiga á esposa do falecido no crime de Ponte Caldelas
Por Natalia Puga |
-
Acusación e defensa do crime de Ponte Caldelas piden que se investigue á muller do asasinado
Por Redacción |
-
O acusado do crime de Ponte Caldelas, de novo ante o xulgado
Por Redacción |
-
"Estamos todos moi afectados, desconsolados, isto é un drama no pobo"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Ingresa en prisión o autor confeso do crime de Ponte Caldelas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Tres días de loito oficial polo crime de Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño |
-
Mata a coiteladas ao marido da súa ex noiva
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada