Cidade de Pontevedra: Premios ao esforzo, empresarial e deportivo
Por Oskar Viéitez
Flores brancas e azuis, música de fanfarria, gaiteiro de gala, himno, bandeiras, escudos e ata o retrato do Rei, no Teatro Principal. Non é un día calquera.
A Corporación capitalina celebrou hoxe a súa sesión plenaria menos política, a entrega dos Premios Cidade de Pontevedra. Premios ao esforzo, o empresarial e o deportivo, ambos e dous mundos moi competitivos.
A empresa de Bora, Hifas da Terra, recolleu o galardón reservado a entidades, trátase de "un referente na biotecnoloxía aplicada á micoloxía, especializada en cultivo ecolóxico de diferentes tipos de cogumelos". Catalina Fernández de Ana xa debería estar afeita recoller distincións en nome da súa empresa con todo hoxe confesaba estar "nerviosa porque este premio é na túa cidade, en casa e coa túa xente. ÿ moito máis emotivo".
Indubidablemente é un recoñecemento a todo o traballo feito durante estes anos, nos que tiveron que superar grandes dificultades coma o devastador incendio que no ano 2006 queimou case toda o seu plantación. Cal ave fénix, daquelas cinzas rexurdiron con máis forza converténdose na empresa de éxito que hoxe, malia a crise, seguen sendo.
Ese mesmo esforzo recoñécese no padaxeiro David Cal, que acudía ao Pleno de honores logo de adestrar, tamén hoxe, no río Lérez. O deportista español con máis medallas olímpicas, asegurou que "veu a Pontevedra en busca dun soño", dixo David, "e o meu soño cumpriuse ata cinco veces".
"Pontevedra para min é a miña cidade de adopción, da que me sinto orgulloso".
O alcalde resumiu o sentir xeral asegurando que "Grazas ao seu esforzo, David Cal e Hifas da Terra, fixeron que a capital se fixese máis orgullosa de si mesma, e proxectase a súa imaxe máis aló das súas nobres rúas e prazas, con éxitos que queremos apoiar explícitamente co mellor que temos: este premio que resume toda a enerxía que Pontevedra transmite aos seus fillos máis queridos".