Creatividade e innovación, nova filosofía vital do campus de Pontevedra
Por Redacción
O campus de Pontevedra avanza na súa especialización. Nun acto celebrado este xoves no auditorio Afundación, presentou en sociedade a súa nova filosofía CREA S2i, que se resume en que sen innovación non hai progreso e sen creatividade non hai innovación.
O proxecto que integra baixo unha mesma identidade todas as áreas de coñecemento que coexisten no campus emprende, como sinalou o reitor, Salustiano Mato, "un camiño de futuro" co propósito de dotar a Pontevedra e a súa comarca "dun nome de referencia que levar polo mundo adiante".
Para logralo, a comunidade universitaria traballará para construír no campus "un ecosistema de innovación" en torno ás ideas "do territorio e da cidadanía e do medio natural e do benestar", eixos dun labor investigador que conecte as diferentes áreas e que sirva "para xerar novas ventás de oportunidade para toda a comunidade", como salientou o reitor.
Que este proxecto de especialización sirva como "aglutinante" dos diferentes centros e grupos de investigación do campus para xerar "iniciativas que nos fagan mellores" é un dos obxectivos centrais de CREA S2i, como lembrou Mato, pero tamén o é "que poidamos dicirlle ao mundo e ao talento que hai no mundo que veñan a Pontevedra, que se queren crear, este é o seu sitio".
Neste senso, o reitor puxo de relevo a importancia de "actuar con xenerosidade institucional" e ter en conta que, "aínda que todas as cousas que estamos a facer non conten en ningún ránking nin en ningún indicador de financiamento, isto é o que lle vai servir as persoas, e iso é o que nos debe mover".
O campus pontevedrés aposta por un proxecto de especialización articulado arredor das áreas estratéxicas da arte, comunicación e creatividade; educación, innovación social e xestión pública; deporte, saúde e benestar, e medio ambiente e natureza, e engade ao seu nome o termo S2i ao apostar pola innovación social e sustentable
No acto, que estivo conducido pola presentadora Marga Pazos, premio á mellor comunicadora nos Mestre Mateo deste ano, a comunidade universitaria estivo arroupada por representantes institucionais e do tecido social, empresarial e asociativo da cidade, entre eles, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; ou a alcaldesa en funcións, Carme Da Silva.
A gala completouse coa proxección dunha serie de vídeos nos que se afondou nas conexións coa súa contorna dun campus que conta con 25 titulacións e con máis de 4.000 alumnos, ao tempo que se deu conta do labor que nel se vén realizando en materia de investigación e transferencia ou para lembrar algunhas das iniciativas xa desenvolvidas ata o de agora baixo o paraugas CREA S2i.
Relacionadas:
-
O campus avanza na especialización cun doutoramento en 'Creatividade e Innovación Social e Sustentable'
Por Natalia Puga |
-
O campus de Pontevedra terá un clúster e un novo programa de doutoramento
Por Redacción |
-
Belas Artes celebra o seu cuarto de século cunha xornada de portas abertas e múltiples actividades
Por Redacción |
-
Teatro, música e fotografía centran as actividades que propón o campus para este outono
Por Redacción |
-
O campus de Pontevedra está na procura dunha marca internacional de referencia
Por Oskar Viéitez |
-
O reitor destaca o "bo funcionamento" do Campus de Pontevedra grazas á especialización
Por Natalia Puga |