O fiscal considera que a irmá do narco Barroso branqueou diñeiro sen sabelo, pero segue acusándoa
Por Natalia Puga
A irmá do narcotraficante falecido Manuel Barroso, María Esther Barroso Millán, cometeu un delito de branqueo de capitais por imprudencia grave ao prestarse a figurar como socia da adega Montegrande Vinícola S.L. xunto á súa cuñada e os seus sobriños cando, en realidade, ese investimento a realizaba o seu irmán para branquexar diñeiro procedente do narcotráfico.
Así o considera o fiscal do caso, Luis Uriarte, que este martes, na terceira sesión do xuízo celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra por blanqueo de capitais procedentes do narcotáfico contra a familia de Barroso Millán, modificou as súas conclusións provisionais para reconsiderar o delito do que acusaba Esther Barroso e rebaixalo a condena.
O fiscal introduciu a "imprudencia grave" como matiz ao delito de blaqueo de capitais e pasou de pedirlle tres anos e seis meses de prisión e unha multa de 50.000 euros a seis meses de prisión e 25.000 euros. Considera que accedeu a prestar o seu nome como socia ignorando que con iso se pretendía ocultar a titularidade real dos bens invertidos. No seu nome investíronse 9.000 euros, pero en todo momento a acusada indicou que non eran seus, senón do seu irmán.
O avogado defensor de María Esther Barroso tamén modificou as súas conclusións e engadiu que se a súa clienta non queda absolvida como solicita, accesoriamente, se considere que o delito polo que se lle acusa prescribiu ao ter transcorrido en exceso os prazos previstos para a denuncia destes delitos.
A sesión do xuízo deste martes transcorreu coa declaración do marido desta acusada, que sinalou que a relación que tiña co falecido e a súa familia era "nula, recordo que lles vin dúas veces" e que a súa muller tan só accedeu a figurar como social da adega para contentar á súa outra irmá, que naquel momento sufría unha recaída na súa saúde física e estaba en proceso de divorcio, pero que descoñecía que o seu cuñado se dedicase ao narcotráfico e nunca chegou a sospeitar que o negocio vitivinícola tivese como obxecto o branqueo de diñeiro.
Tamén prestaron declaración varios veciños da irmá desta acusada e do falecido en Vilagarcía de Arousa. Todos acreditaro que esta estaba no momento dos feitos, no ano 2001 e anteriores, a muller estaba enferma, qeu só a acusada a coidaba e que non tiña relación co narco arousano. Ningún veciño coñecía, ademais, a súa vinculación co narcotráfico.
O xuízo quedou visto para sentenza e o fiscal mantén a súa acusación para o resto de imputados, a viúva e os tres fillos do narco falecido por un delito continuado de branqueo de capitais. Para a esposa, Laura Poza Rodríguez, solicita cinco anos de prisión e unha multa de 2,5 millóns de euros. Para os seus fillos Mónica Barroso Poza, Carlos Barroso Poza e Juan Manuel Barroso Maneiro pide catro anos de cárcere e multas de 200.000, 250.000 e 500.000 euros.
O fiscal considera acreditado que o diñeiro investido nesa adega e na adqusición de determinados bens patrimoniais procedía do narcotráfico, polo que Manuel Barroso foi condenado e cumpriu prisión, e que a familia tivo un incremento de capital inusitado e inxustificado.