As avarías constantes dun ascensor obrigan a trasladar o servizo de partos en Montecelo
Por Redacción
O Sindicato de Enfermería SATSE en Pontevedra enviou este venres un escrito á Xerencia do Hospital Montecelo para esixirlle que dunha vez por todas resolva os problemas do ascensor que comunica o servizo de Partos coa Unidade de Obstetricia.
É un ascensor que desde hai máis dun ano sofre continuas avarías, e que obrigou xa noutra ocasión para trasladar un servizo tan complexo como é o de Partos.
"Entendemos que o problema, no seu momento, non estivo resolto da maneira máis eficiente, posto que en lugar da substitución completa do ascensor, procedeuse a un arranxo parcial", explican as delegadas de SATSE en Pontevedra, María Teresa Joaquín e Emma Rodríguez.
As matronas mostraron en varias ocasións a súa indignación aos mandos directivos, porque aseguran que o lugar ao que van trasladar o servizo de Partos non é o máis adecuado. "Trátase dun ascensor de máxima importancia, posto que é o único vínculo de unión para o traslado de pacientes en cama", sinalan as delegadas.
A solución que propón SATSE é que a Xerencia cambie o ascensor por un novo, "e non trate de aforrar un diñeiro que estaría ben investido, prexudicando non só ao persoal senón tamén ás mulleres", engaden.
Desde SATSE consideran que a Xerencia do CHOP mostra "moi pouca sensibilidade" cara ás mulleres que van dar a luz e que se verán "mergulladas en plena mudanza", pois o lugar ao que as trasladan "tampouco é o máis adecuado" a criterio das profesionais. Segundo estas fontes, a Dirección habilitou unhas habitacións fronte ás consultas de Nefroloxía, polo que as matronas consideran que "non é o lugar máis idóneo" para poñer un servizo destas características.