O Supremo desestima o recurso de casación de Elnosa para evitar o seu cesamento de actividade
Por Diego Espiño
A Dirección Xeral de Costas deberá incoar o expediente de caducidade de Elnosa no prazo de dous meses "paralizando ata entón calquera actuación que puidese interferir no mesmo", tras rexeitar o Tribunal Supremo o recurso de casación interposto pola empresa e a Administración Xeral do Estado.
Así o explicou a asociación Salvemos Pontevedra, impulsora da demanda inicial, tras recibir notificación da sentenza da sección quinta da Sala do contencioso administrativo do Tribunal Supremo, emitida o pasado 20 de novembro.
Esta sentenza desestima o recurso interposto polo Estado e Electroquímica do Noroeste SAU (Elnosa) ante o fallo da Audiencia Nacional, de data 29 de xaneiro de 2014, que condenaba á Administración Xeral do Estado "á incoación do expediente de caducidade da concesión e á adopción de todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións que non conten con concesión administrativa e demais autorizacións legalmente esixibles", sinala a asociación.
"Tendo en conta que Elnosa carece de calquera título habilitante para ocupar e realizar as súas actividades industriais en dominio público marítimo-terrestre, emprazamos ao Concello de Pontevedra, Xunta de Galicia e Ministerio de Medio Ambiente, a que en cumprimento á sentenza actúen en consecuencia, procedendo a reparar un despropósito ambiental histórico na Ría de Pontevedra", conclúe Salvemos Pontevedra.
Esta resolución é firme e contra ela non cabe recurso ordinario algún.
Relacionadas:
-
O Tribunal Supremo ordena iniciar o expediente de caducidade da concesión de Elnosa
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballadores de Elnosa poñen en marcha unha cabalgata de "Reis Malos"
Por Anxo Lourido |
-
Traballadores de Elnosa concéntranse no Pazo aproveitando o Encontro Galego-Portugués de Química
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O comité de empresa de Elnosa acusa a Lores de mentir sobre o que precisa a fábrica para seguir na ría
Por Anxo Lourido |
-
Lores advirte a Elnosa que darlle licenza é "legalmente imposible" pola súa propia inacción
Por Alejandro Espiño |
-
O TSXG tomba a prórroga da autorización ambiental de Elnosa e confirma a de ENCE
Por Natalia Puga |