CIG-Saúde critica a "desidia" da Dirección do CHOP para resolver os problemas na xestión do persoal
Por Redacción
O sindicato CIG-Saúde denuncia a "desidia e a falta de vontade", da Dirección dos Hospitais de Pontevedra e Salnés, para resolver os "moitos problemas" que, segundo sinalan, está habendo na xestión do persoal, principalmente cos traballadores eventuais.
A central nacionalista considera que existe unha "mala xestión" das listas de contratación, e din que "chamar catro veces a un traballador para ofrecerlle un contrato e outras tantas para retirarllo é intolerable".
Ademáis advirten que o persoal eventual da cociña do Hospital Montecelo está a traballar máis de 20 horas ao mes por riba do establecido e sen descansar ningunha fin de semana.
Tamén inclúen nas súas reclamacións que a falta de contratación en moitas especialidades provoca "aumento de carga de traballo no persoal fixo" e engaden que ao persoal que se contrata para cubrir ausencias, baixas ou vacacións "non se lle computa todo o tempo traballado, debéndolle os excesos de xornada que realiza".
E finalmente din que os permisos se denegan con "criterios arbitrarios".
En resumo, CIG-Saúde cre que a maioría dos casos poderían resolverse pola vía do dialogo pero "é imposible con esta dirección", polo que din estar "abocados a recorrer a vía xudicial".