Ao Metrominuto nácelle un primo irmán, o MetroBici
Por Redacción
O plano do Metrominuto co que o Concello de Pontevedra mide as distancias a pé entre distintos puntos de interese da cidade ten agora un primo irmán, ao que bautizaron como MetroBici. Al igual que o mapa primario, o novo marca os tempos e distancias para moverse pola capital, pero, nesta ocasión usando a bicicleta. Os seus creadores son os integrantes do colectivo Masa Crítica, pero convén recordar que a creación desta versión do Metrominuto para ciclistas xa era un proxecto do Concello, segundo anunciaran no seu momento.
O MetroBici ten unha edición dixital que empezou a difundirse nos últimos días, pero agora Masa Crítica busca colaboradores para poder editalo en papel e distribuílo de balde entre os pontevedreses. O deseño xa o teñen en formato tríptico á espera de ter fondos para imprimir copias.
O tríptico conta con consellos, normativa aplicable e información sobre a campaña de denuncia voluntaria que puxo en marcha Masa Crítica nos últimos meses. Ademais, facilita información relevante para todos os usuarios da vía, xa que o colectivo detectou "un forte descoñecemento" entre os usuarios de bicicleta sobre como poden circular estes vehículos de dúas rodas, como deben ser os adiantamentos e cales son os elementos de seguridade ciclista obrigatorios e recomendados.
O MetroBici ten como obxectivo fomentar o uso da bicicleta como vehículo de mobilidade en desprazamentos de ocio, recados e traballo. Masa Crítica parte da base de que os tempos empregados a pé e en vehículo son coñecidos por todos os pontevedreses, pero non así o que se tarda en facer os distintos percorridos en bicicleta, de maneira que as persoas que non son xa usuarios habituais "non perciben a bicicleta como o vehículo rápido que é".
Os tempos recollidos nesta versión do Metrominuto para bicicleta están calculados para unha persoa con capacidade física normal e tendo en conta o desnivel e o tipo de vía. O diagrama ten unha advertencia de cor vermella para certas rutas que non teñen tráfico calmado. Ao respecto, dende Masa Crítica lembran que levan tempo intentando que se tomen medidas de mellora da seguridade para afianzar a posibilidade de facer estes itinerarios por ciclistas non habituais.
Relacionadas:
-
A Deputación elaborará 'Metrominutos' para os 'Concellos Ágora'
Por Redacción |
-
Editan 17.000 exemplares do Vaiapé, o metrominuto de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Metrominuto inspira á Comunidade de Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Metrominuto terá a súa propia APP para dispositivos móbiles
Por Alejandro Espiño |
-
A Coruña copia o Metrominuto de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os topógrafos da provincia estudan o "metrominuto"
Por Oskar Viéitez |
-
París 'copia' o Metrominuto e tratará de adaptalo para fomentar a súa mobilidade peonil
Por Alejandro Espiño |