A prórroga de convenios vixentes, principal actividade municipal nos últimos días
Por Alejandro Espiño
As festas do Nadal parecen ter paralizado a maquinaria do Concello de Pontevedra. A primeira Xunta de Goberno do ano tan só incluíu a caducidade de determinados expedientes urbanísticos, algúns dos cales se remontaban a once anos atrás. Así o explicou Carme da Silva, que actuou este luns como portavoz do goberno municipal.
Máis contido tivo a celebrada o pasado mércores 30 de decembro. Ademais de tomar a decisión de acudirse no proceso de prórroga solicitada por ENCE para continuar en Lourizán, o Concello asinou unha adenda ao convenio coa Deputación pola Rolda Este, que se amplía ata final deste ano.
Xunto a este trámite, o goberno local acordou o pago de 226.000 euros para facer fronte, principalmente, ás expropiacións. Con esta decisión, dos 900.000 euros que debía achegar o Concello para esta infraestrutura, só quedan por pagar 174.000 euros que serán abonados ao longo de 2016.
Tamén para expropiacións destinaranse outros 508.000 euros. É a cantidade que recibirán, tras chegar aos correspondentes acordos, os trece propietarios das parcelas que forman a zona verde de Monte do Taco, nas proximidades da desembocadura do Gafos. A intención do Concello, a petición dos veciños, é recuperar todo este ámbito e integralo no paseo fluvial do río.
Nesta última Xunta de Goberno de 2015, aprobouse tamén renovar todos os convenios que eran susceptibles de prórroga. Así, esténdense ata o 31 de decembro de 2016 as cantidades achegadas á Universidade de Vigo (36.300 euros), a asociación Alba (13.000 euros), Amizade (2.000 euros), Rexurdir (7.000 euros), Amencer (6.000 euros) e as asociacións de pais e nais de alumnos, Fanpa (206.000 euros).