O Concello solicitou retirar unha fotografía dos Reis Magos na praza de touros
Por Marisa Ciordia
Como cada cinco de xaneiro, a xornada comeza pronto para os Reis Magos. En Pontevedra, o punto de partida é a praza de touros, onde en virtude do convenio que teñen subscrito o Concello e a empresa Lozano, albérganse os cabalos ou camelos que participan no periplo Real.
Neste emprazamento, a Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra, desde o seu perfil de Facebook, felicitou a data, como vén sendo habitual desde hai anos, cunha fotografía de Melchor, Gaspar e Baltasar. Unha instantánea que se repetiu en anteriores ocasións sen as consecuencias desta semana. No caso deste pasado martes 5, portaban un rótulo no que aparece a imaxe da Virxe Peregrina sobre o lema "Peregrina 2016. Felices Festas"; na parte central a lenda "Preguntáronme pola miña paixón e terminei falando de touros" e o logotipo da Coordinadora xunto unha imaxe de peñas taurinas no coso pontevedrés.
Dita publicación na rede social chegou a coñecemento da Concellería de Festas. Desde este departamento municipal levantouse o teléfono solicitando que a fotografía fose retirada. Para evitar controversias non buscadas e evitar prexuízos a calquera das persoas que encarnan aos Magos en Pontevedra, desde a Coordinadora retirouse a cuestionada imaxe.
A pesar de que para primeiras horas da tarde a situación quedara resolta, mediada a tarde, o colectivo Touradas Fora de Pontevedra, emitía aos medios de comunicación un correo electrónico facendo constar o seu rexeitamento á presenza de camelos ou cabalos na Cabalgata de Reis. De igual forma esixían ao Concello "que se desmarque e desautorice" a fotografía -que xa fora retirada do perfil- e unha vez máis, que se eliminase o convenio existente coa empresa propietaria da praza de touros.
A chamada de atención do Concello tivo como consecuencia un regueiro de reaccións a través de foros sociais, tanto de detractores como de afeccionados taurinos. No primeiro caso recriminando a presenza dos Magos na instantánea e no segundo, con sorpresa pola deriva que estaba a ter unha felicitación sen máis pretensión que esa e sen manipulación nin retoque de ningún tipo. E a terceira pata en liza, Melchor, Gaspar e Baltasar que non participaron "con ningunha intención", máis que a de ser xenerosos con todo o mundo que cada véspera de Reis lles pide facerse unha foto.