O Concello indemnizará con 8.600 euros a unha veciña que caeu nunha fochanca
Por Redacción
O 31 de xaneiro de 2014, unha muller que camiñaba con présa pola rúa Martín Códax nas proximidades da ponte do Burgo metía o pé nunha fochanca. A caída levou diversos danos físicos e a veciña decidiu reclamar a cantidade de 17.299 euros ao Concello de Pontevedra pola falta de sinalización deste oco na superficie desta rúa.
O xulgado contencioso número 1 ditaba sentenza nos últimos días na que culpa ás dúas partes do accidente. Por unha banda, a muller ao cruzar con présa ten o seu parte de responsabilidade do mesmo xeito que o Concello, que segundo o portavoz do goberno local, Raimundo González, ao tapar cun ferro de aceiro a zona afectada convértese en responsable. "Houbo un exceso de celo", indicou González.
Ante esta situación, o Concello está obrigado a pagar 8.649,75 euros, máis os intereses de demora á vítima. Desta cantidade, a institución municipal pagará 1.500 euros, que é a franquía acordada coa empresa de seguros, que se fará cargo do resto da indemnización.