O mal estado do Campus obriga a acometer reformas
Por Redacción
O mal estado do Campus obriga a acometer reformas. Concretamente na contorna da Escola Universitaria de Fisioterapia, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a Escola Infantil.
Esta zona presenta un estado calamitoso con numerosas fochancas, convertidas agora en estanques. Ademais as beirarrúas atópanse moi deterioradas, as malas herbas invaden os carreiros e o aparcadoiro converteuse nunha pista de patinaxe pola degradación do material co que foi construído que se volveu moi esbaradizo.
O proxecto está orzamentado en 463.000 euros e a Universidade de Vigo confía en que estea executado no primeiro semestre de 2013.
O rectorado viuse obrigado a sacar do caixón o proxecto de reforma que xa máis dun ano apuntaba a necesidade de frear a degradación da contorna.
Ademais de humanizar o acceso a estes tres edificios, a reforma pretende reordenar o aparcadoiro, potenciar o uso peatonal dos espazos e crear unha praza central con carreiros.