A Policía Local non patrullará en bici por Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Os axentes da Policía Local seguirán sen subir á bicicleta, polo menos nas súas horas de traballo. O pleno da corporación municipal rexeitou a moción que presentara o Partido Popular para a implantación dun servizo voluntario para que os membros deste corpo policial patrullasen nalgunhas zonas da cidade usando este medio de transporte.
O portavoz do PP, Jacobo Moreira, asegurou que varios axentes manifestáranlle a súa disposición para formar parte deste servizo, ao que poderían sumarse todos aqueles axentes que o desexasen. Sería unha forma, dixo, de "normalizar" o uso da bicicleta entre os veciños de Pontevedra e de contribuír a reforzar a imaxe do corpo e fomentar a súa proximidade cos cidadáns, así como a incrementar o "respecto" dos condutores cara aos ciclistas.
Desde o goberno municipal, a responsable de Seguridade Cidadá, Carme da Silva recoñeceu que hai anos chegouse a consultar a posta en marcha dunha unidade da Policía Local que patrullase en bicicleta, pero tras consultalo cos seus responsables optouse por rexeitar esa posibilidade ao entender que as obrigacións actuais do corpo impiden a súa creación, porque "non sería posible máis alá dun día á semana e no verán".
O BNG rexeitou, en todo caso, que fose de carácter voluntario porque "se fora necesaria, formaríase" e trasladoulle ao portavoz popular que se considera que se trata dunha medida importante que a presente tamén ao Goberno central para que a aplique na Garda Civil e a Policía Nacional e que, na Academia Galega de Seguridade -dependente da Xunta- fáganse cursos ou se forme aos axentes en prácticas sobre esta materia.
Pola súa banda, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos abstivéronse. Os socialistas cualificaron de "pintoresca" esta moción dos populares e o edil Iván Puentes chegou a afirmar que se trata dunha iniciativa que lle lembra "aos policías de Benidorm que patrullan en pantalón curto". En todo caso, tanto eles como María Rey -que non aprobou a urxencia desta moción- aceptaron que se puidese estudar esa alternativa e se acordase coa propia Policía Local.