O Concello peonalizará unha parte da praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Os concelleiros Carmen Fouces e Luís Bará, mantiveron este martes un encontro con profesores, pais e alumnos de quinto de Primaria do colexio Praza de Barcelos aos que adiantaron os plans do Concello para peonalizar unha parte da Praza.
Tal e como pediran os alumnos deste colexio, o Concello prepara unha nova ordenación do espazo público para que o viario situado fronte ao centro escolar poida ser utilizado como patio de recreo.
Para iso o goberno local propón cambiar o sentido da circulación do tráfico rodado, de maneira que a entrada ao colexio non quede interrompida polo paso dos coches e limitando a circulación no viario lindeiro co muro do convento ao acceso a garaxes e servizos.
Quedaría por tanto peonalizada a "L" que conforman os viarios de acceso ao Colexio.
A idea principal, segundo resumiu Luís Bará é, "converter a praza de Barcelos non patio do colexio" e para iso é necesario actuar na vía pública, "dotándoa dunha plataforma única e restrinxindo ou tráfico".
A Policía Local ten elaborado un estudo previo no que se amosa a viabilidade de restrinxir o tráfico diante do centro de ensino e levar os tráficos polo outro lado da praza de Barcelos.
Aproveitando esta actuación, o Concello tamén iniciará conversas con Fenosa para soterrar o distribuidor que ten na entrada do recinto do colexio de Barcelos, e tamén para realizar melloras no resto de vías da praza e tamén no seu interior.
Respecto dos prazos, o compromiso asumido polo goberno local, é que este ano se poida executar "como mínimo a parte frontal do colexio, ademáis de melloras na rúa do Rouco".
Nunha segunda fase exponse cambiar o lousado actual da praza de Barcelos, así como nas zonas de circulación onde está bastante deteriorado.
A concelleira de Educación, Carme Fouces, e ao edil de Mobilidade, Luís Bará, convocarán nos próximos días aos veciños da zona para informar deste proxecto "para que sexa un proxecto asumido e compartido maioritariamente", dixeron.
Relacionadas:
-
A praza de Barcelos mellora as súas prestacións coa reforma peonil
Por Noticia patrocinada |
-
As restricións de tráfico en Barcelos expóñense aos veciños
Por Redacción |
-
As obras de peonalización ante o Colexio Barcelos realizaranse durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
Veciños, comerciantes e comunidade educativa coñecen o proxecto para peonalizar Barcelos
Por Redacción |
-
A peonalización de Castelao e Cruz Gallástegui, prioridade para 2016
Por Alejandro Espiño |
-
Unha volta a Barcelos para reivindicar "o que é xusto" para o colexio
Por Alejandro Espiño |
-
Os nenos redeseñan ao seu gusto a Praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez |