Os veciños de Lourizán apostan por restablecer o campo de fútbol derrubado e logran o apoio de C's, PP e PSOE
Por Redacción
Os grupos municipais de PP, PSdeG-PSOE e Ciudadanos (C's) deron este sábado o seu apoio explícito aos veciños de Lourizán nas súas reivindicacions en relación co campo de fútbol da parroquia, levantado en terreos de Costas e que a empresa Ence comezou a derrubar esta semana. Representantes dos tres partidos acudiron á reunión convocada polo San Andrés Club de Fútbol de Lourizán para falar sobre o campo, na que os veciños acordaron demandar que estas instalacións deportivas deben volver levantarse na mesma ubicación.
Os portavoces municipais do PSOE, PP e C's, Agustín Fernández, Jacobo Moreira e María Rey, acudiron á asemblea, así como tamén a concelleira de Marea Pontevedra Carmen Moreira, se ben esta última non deu o seu apoio aos veciños na súa demanda. Si está dacordo en que hai que devolverlle aos veciños o servizo que lles foi arrebatado, pero non na mesma ubicación, senón noutra que habería que buscar.
O presidente do club, Domingo Soto, que lamentou a ausencia do grupo municipal do BNG na reunión, resumiu que a intención veciñal é buscar unha solución para recuperar un campo de fútbol digno e os asistentes queixáronse de que Lourizán carece de instalacións deportivas dignas. Ante tales manifestacións, os concelleiros da oposición agás Marea comprometéronse a defender as súas peticións no Pleno da Corporación. "Los partidos políticos tienen que estar al servicio de los vecinos y vecinas. Estando aquí toda la oposición deberíamos acordar que lo que vosotros decidáis será por lo que nosotros tengamos luchar en el Concello", indicou María Rey.
O Concello de Pontevedra xa anunciara nos últimos días que o grupo de goberno non asistiría á reunión dado que xa participou nunha reunión do Consello parroquial o 19 de xaneiro, que tivo unha duración superior ás tres horas, e na que estiveron representados todos os colectivos da parroquia, San Andrés incluído.
O concelleiro delegado da parroquia de Lourizán, Demetrio Gómez, explicou que nese encontro xa "quedou sobradamente clara a postura" de todos os participantes, entre elas a do Concello, que defende que "a Ence o único que lle interesa é a súa conta de resultados, e non os veciños de Lourizán en particular, nin os de Pontevedra en xeral". Na súa opinión,"isto está claro cando elimina o único servizo que prestaba aos veciños da parroquia de Lourizán".