Nun mes empezarán as obras na Ponte da Gándara sobre o río Rons
Por Redacción
O vicepresidente da Deputación provincial, César Mosquera, presentou este xoves o proxecto de substitución e mellora da ponte da Gándara sobre o río Rons, en terreos da Xunqueira de Alba e anunciou que as obras de mellora comezarán no prazo dun mes.
A reparación consistirá na instalación dun novo taboleiro e a creación dun paso peonil independente, o que se complementará co calmado do tráfico e mellora da accesibilidade na zona e a rehabilitación do sendeiro que comunica coa estrada de Vilagarcía.
A empresa Narom será a encargada de facer os traballos, que tiñan un orzamento de 130.535 euros e se adxudicarán este venres na Xunta de Goberno por 101.726 euros. O prazo de execución é de seis meses, durante os que nalgúns momentos será preciso cortar o tráfico na zona.
A situación da ponte, segundo explicou Mosquera, "é deficiente e preocupante dende hai tempo". De feito,valorouse cortala ao tráfico en varias ocasións xa que o taboleiro está desprazado con respecto ás pilastras que o sosteñen, a ferraxe da estrutura está oxidada e a lámina inferior de formigón saltada.
"Os técnicos aseguraron que non era preciso un corte inminente da circulación xa que o propio taboleiro comezaría a ceder de presentarse unha situación de risco, e iso non ocorreu. Estivemos alerta. Fixemos un seguimento para ver se dobraba e non foi así", engadiu o vicepresidente, que insistiu en que a actuación foi considerada "urxente".
De feito, paralelamente a esta vixilancia da ponte tramitáronse os permisos de actuación para a súa mellora ante o departamento de Costas e Augas de Galicia, xa que a zona está declarada como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). A Deputación fíxose cargo da licitación e financiamento da obra debido a que se trata dunha localización de dubidosa titularidade entre os concellos de Pontevedra e Poio.
Así, na primavera do 2015 firmouse un convenio entre o organismo provincial e o goberno capitalino no que este se comprometía a redactar o proxecto. Posteriormente iniciáronse os procedementos administrativos para a contratación.
MESMO LARGO DO TABOLEIRO
Segundo explicou Mosquera aproveitaranse os piares existentes na ponte, que están en boas condicións, e renovarase totalmente a lousa superior, pero sen aumentar as dimensións do taboleiro, que ten un largo de 2,34 metros e permite unicamente a circulación dun vehículo. Considerouse que non se debería realizar a ampliación para non incrementar as expectativas do tráfico na zona e preservar no posible o contorno de acordo co plan de conservación do ENIL.
Así mesmo, e debido a que a creación de sendeiros e miradoiros incrementaron de xeito considerable o número de persoas que se achegan á Xunqueira de Alba a pé ou en bicicleta para pasear, practicar deporte ou observar a fauna existente, tomouse a determinación de crear un acceso independente para que peóns e ciclistas poidan cruzar o río separados dos vehículos. Este paso construirase augas abaixo (no lado máis achegado á cidade) e terá unha estrutura metálica que soportará un pavimento e unha varanda de madeira tratada.
Como obras accesorias o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorará a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous pasos de peóns sobreelevados de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos de peóns executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira.
Finalmente, a actuación complétase coa sinalización horizontal e vertical. Preténdese mellorar visibilidade, a supresión de barreiras e a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte, que quedará limitada a 20 quilómetros por hora.
Relacionadas:
-
A vindeira semana cortarase ao tráfico a ponte da Gándara
Por Oskar Viéitez |
-
A reforma do acceso a Marcón desde Pedra do Lagarto comezará de forma "inminente"
Por Redacción |
-
O Pleno provincial aproba o convenio co Concello de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reparará a 'oxidada' ponte da Gándara, na Xunqueira de Alba
Por Redacción |