Un edil do PP de Moraña chama "mala zorra y sinvergüenza" a Carmela Silva en Facebook
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As redes sociais seguen dando desgustos aos políticos locais. O último en ter problemas neste sentido é Jorge Caldas, concelleiro do PP en Moraña e tenente de alcalde do Concello. É o autor dunha serie de insultos que, a través de Facebook, dedicou á presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A denuncia pública deste feito fixérona desde o BNG de Moraña. Nun comunicado asinado polos edís Marcos Suárez e Eva Villaverde, aseguran que o pasado venres, despois do pleno provincial que foi suspendido mentres se trataba a falta de apoio económico ao rally Rías Baixas, Jorge Caldas respondeu a uns comentarios "totalmente denigrantes e pexorativos" por parte dun "simpatizante do PP".
Nunha mensaxe publicada na devandita rede social ás 17.27 horas do venres en Facebook, o tenente de alcalde do PP cualificou a Carmela Silva como "mala zorra y sirvengüenza".
Esta "expresión machista" que, segundo os responsables do BNG, proferiu o concelleiro e candidato do PP ao Congreso dos Deputados por Pontevedra, "só pode definirse como inadmisible, intolerable e vergoñoso".
Para os nacionalistas, é "especialmente grave" que un representante público realice un insulto sexista "deste calado" que atenta "non só contra un cargo público polo simple feito de ser muller, senón tamén contra a dignidade de todas as mulleres".
Así, o portavoz do BNG reclama á alcaldesa, María Luisa Piñeiro, que "depure" as responsabilidades políticas que provoca ese asunto "de inmediato", ao entender que Jorge Caldas non pode seguir "nin un minuto máis" ostentando a representación institucional dos veciños de Moraña.
Ademais, esíxenlle que pida "desculpas públicas" á presidenta da Deputación e, por extensión a todas as mulleres "ás que denigra con ese comentario".
Se o PP non cesa "inmediatamente" ao seu tenente de alcalde en Moraña ou esixe a súa dimisión como concelleira, conclúe Marcos Suárez, "estará a avalar e sendo cómplice dos seus comportamentos machistas".
Ao fío desta denuncia, o secretario provincial do PSdeG-PSOE reclamou a Alberto Núñez Feijóo como presidente do Partido Popular en Galicia que cese de "maneira inmediata" a Jorge Caldas como concelleiro en Moraña.
Santos Héctor sinalou que os populares "non poden manter nas súas filas a personaxes como este que usan este tipo de expresións contra a muller" e reiteran que deben adoptar contra el "medidas urxentes", xa que Moraña "non merece ser coñecida por xente que fai gala da violencia machista contra calquera muller".
A alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, asegurou que se trata dun comentario "desafortunado" froito dun momento de "calentón" e que pedirá desculpas
A ALCALDESA ASEGURA QUE PEDIRÁ DESCULPAS
Tras darse a coñecer esta polémica, a alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, asegurou que se trata dun comentario "desafortunado" froito dun momento de "calentón", polo que descartou cesar ao seu tenente de alcalde.
A rexedora explicou que Jorge Caldas atópase estes días "de viaxe" e que está "moi afectado" polo sucedido.
O comentario, que xa foi retirado polo seu autor, foi unha "metedura de pata", segundo María Luisa Piñeiro, que o achacou a que o concelleiro estaba desgustado pola postura da deputación provincial con respecto a esta proba deportiva xa que é "afeccionado ao rally".
Aínda que non cesará ao tenente de alcalde e que non aceptará a súa dimisión, a alcaldesa asegurou que o edil pedirá "desculpas públicas" ao seu regreso e que o fará "persoalmente" ante a propia Carmela Silva "se é necesario".
DESCULPAS EN FACEBOOK
Precisamente foi a través de Facebook onde Jorge Caldas pediu perdón polos seus comentarios. A última hora da tarde deste martes, colgaba unha mensaxe no que aseguraba querer compartir con todos o seu "arrepentimiento" por unha expresión "desafortunada" nun momento de "moito cabreo" para un afeccionado ao motor como el que, lembra, xa foi retirado.
"Quero dicir que para nada son machista. De feito teño unha filla e outra en camiño e sei mellor que ninguén o que é defender os seus dereitos e os de todas as mulleres en xeral", escribiu na súa conta nesta rede social.
Relacionadas:
-
Carmela Silva, satisfeita pola reapertura do caso dos insultos machistas realizados contra ela
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación lamenta que "haxa mulleres que non se somen á loita pola igualdade"
Por Oskar Viéitez |
-
Unha xuíza de violencia de xénero ampara na liberdade de expresión chamar "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Dimite o edil do PP que chamou "mala zorra" á presidenta da Deputación
Por Redacción |
-
Os socialistas denuncian ante Fiscalía ao edil do PP que chamou "mala zorra" a Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Unha gran bronca provoca que o Pleno da Deputación se celebre a porta pechada
Por Oskar Viéitez |