O servizo de bombeiros incorpora un novo camión de 398.000 euros ao parque móbil
Por Oskar Viéitez
O parque móbil do servizo de extinción de incendios de Pontevedra conta con dous novos vehículos: unha autobomba urbana pesada e unha furgoneta, que xa están en uso.
Tres días despois do voraz incendio que levou por diante un edificio do casco histórico, a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva achegouse ao parque de bombeiros para presentar as novas adquisicións que teñen como obxectivo mellorar a prestación do servizo e a seguridade dos profesionais nas súas actuacións.
A bomba urbana pesada ten como destino a extinción de incendios -ten unha capacidade de 3.000 litros de auga e 250 de escuma- pero tamén leva incorporado equipamento de salvamento e excarceración en accidentes de tráfico e mariños.
Substitúe a outra con trece anos de antigüidade que agora poderá ter máis horas de descanso.
O xefe de bombeiros, Manuel Torres, explicou que este tipo de vehículos son os que saen no 99,9% das ocasións e co novo camión mellórase a seguridade dos profesionais no traballo polo tipo de material do carrozado, un polímero de última xeración cunha mellor resistencia ás altas temperaturas e os impactos e tamén polas prestacións. As súas dimensións fan del o idóneo para intervir en sinistros na cidade.
O servizo conta con dúas bombas urbanas operativas e unha terceira en condicións excelentes de uso. O custo do novo camión é de 398.000 euros e inclúe todo o equipamento.
O segundo vehículo incorporado ao parque de bombeiros é unha furgoneta destinada ao transporte de efectivos ou de material auxiliar de emerxencia.
O xefe de bombeiros, Manuel Torres, indicou que este vehículo leva traballando dende comezos do mes de xaneiro nun período de formación e práctica.
PRÓXIMA INCORPORACIÓN
No parque de bombeiros xa se atopa o camión que sufriu un accidente hai un ano no día do patrón. O xefe de bombeiros dixo que "el chasis está reparado y estamos abriendo un expediente para volver a carrozarlo con la idea de que se convierta en nodriza".
Preguntado polas necesidades deste servizo de extinción de incendios, Manuel Torres apuntou que "siempre voy a pedir más personal, más material, un parque más grande, siempre seré exigente en este tema, pero ahora mismo una vez que tengamos el nodriza la siguiente necesidad será otro vehículo en altura".
A concelleira, Carme da Silva lembrou que "se está modernizando constantemente o equipamento, o material e tamén a formación" dos bombeiros nas distintas actividades que desenrolan "o que fai que a súa capacitación sexa tan elevada".
Igualmente, apuntou que segue sobre a mesa a posibilidade de trasladar a outra ubicación o parque, nun lugar axeitado que teña unhas características similares ao actual en canto a conexións viais e proximidade.